Paco Nogueiras presenta “C@nto contigo” na Casa da Cultura de Fene

“Música, baile e risas para sacar a lingua a voar, achegando o galego á xente miúda e ás súas familias de xeito lúdico e divertido”. Defínese así o espectáculo “C@nto contigo” que o actor e músico galego Paco Nogueiras trae a Fene o vindeiro mércores, 26 de outubro.

A actuación será ás 18 horas no salón de actos da Casa da Cultura, no marco da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia que ten como obxectivo “a promoción do uso da lingua galega”. Entrada de balde até completar o aforo.

En «C@nto contigo» haberá “retrousos e cancións para participar activamente, bailando sen complexos, acompañando coa voz, coas palmas ou con acenos”. O espectáculo fai un percorrido por cancións senlleiras na traxectoria de Paco Nogueiras, “percorrendo un amplo abano de estilos musicais, dende o techno ao rock, aínda que sen esquecer as influencias tradicionais”.

Esta actividade provén do repositorio de proxectos culturais TeCe Redes en galego, ó abeiro do Fondo de Xacobeo 21-22, que xestiona a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Lea también

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

A concelleira de Deportes de Ares, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e …