Ferreiro asina convenios de colaboración coa Fundación Santo Hospital de Caridade e o Patronato Concepción Arenal

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, asina convenios de colaboración coa Fundación Santo Hospital de Caridade e o Patronato Concepción Arenal.

O importe conxunto que as arcas municipais destinan á renovación destes acordos ascende a 8.000 euros, tal e como indicou a rexedora local. Ferreiro e o presidente da Fundación Santo Hospital de Caridad, Alberto Manuel Lens, rubricaron este luns, día 24 de outubro o acordo que permitirá manter a atención a persoas con dificultade económica ou en risco de exclusión social.

Dende hai anos desenvólvese un programa de atención a persoas que precisen un aloxamento alternativo, denominado Albergue de persoas sen fogar “Refuxio Pardo de Atín”. En base ó acordo rubricado hoxe a entidade porá a disposición do Concello este albergue para o acollemento de persoas sen teito ou en situación de emerxencia por desafiuzamento, actuacións que se coordinarán co Servizo Sociocomunitario Municipal e as unidades de traballo social do Consistorio.

A alcaldesa asinou ademais, de xeito telemático, o convenio coa presidenta da Asociación Patronato Concepción Arenal, Beatriz Dorrio, para manter a colaboración na liña de acollemento temporal de mulleres, soas ou acompañadas dos seus fillos que sofren situacións de violencia ou exclusión e o desenvolvemento de actividades complementarias no ámbito da acción social.

“Quero destacar un ano máis o labor destas dúas entidades con colectivos moi específicos, que requiren duns servizos e atención inmediatos e que reciben grazas a entidades como a Fundación Santo Hospital de Caridade ou o Patronato Concepción Arenal”, destacou Ferreiro.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …