Apertura de inscrición en Narón no curso de “Xestión de almacén-loxística”

O Concello de Narón abrirá este martes, día 25 de outubro, ás 8.30 horas o prazo de inscrición nun curso de “Xestión de almacén-loxística” do Programa Municipal de Formación.

A concelleira responsable da área, Natalia Hermida, indicou que se convocarán un total de quince prazas que se dirixen a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón que terán prioridade.

Así mesmo, poderán inscribirse persoas doutros concellos que no caso de cubrirse todas as prazas con persoas empadroadas en Narón poderán acceder á acción formativa, tamén seguindo a orde de rexistro.

Esta acción formativa, cun total de 218 horas, impartirase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara e nas instalacións das empresas colaboradoras en prácticas, prevista do 9 de novembro ao 28 de decembro deste ano.

No curso abordaranse, entre outros, contidos como: tipos de almacén, estrutura e organización; prevención de riscos laborais nas actividades de almacenaxe; loxística; inventario de existencias, operativa para preparar pedidos; sistemas e equipos para a xestión de almacén; manexo e condución de carretilla elevadora, etc.

Do total de horas, 80 correspóndense con prácticas profesionais non laborais en empresas e 18 de módulos transversais de perspectiva de xénero, orientación laboral e busca de emprego e solucións de xestións de almacén.

O horario previsto da formación será no Centro de Formación Irmás Froilaz de luns a venres, de 8.30 a 14.30 e as prácticas durante 8 horas ó día no horario que se determine. As solicitudes poden presentarse no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica e a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

O prazo de presentación rematará o 2 de novembro ás 13.30 horas. O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro. Para recibir máis información sobre esta acción formativa pódese consultar a web do Concello, apartado de Servizos, Formación e Actividades Municipais, ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109)

Lea también

La ASCM conmemora el día del libro con un MercaLIBRO solidario

La Asociación Sociocultural ASCM organiza este viernes 19 en el local social de A Gándara …