Apertura do prazo de incrición en dúas accións formativas na Aula Cemit, Narón

A concelleira de Formación de Narón, Natalia Hermida, anunciou que o vindeiro mércores, 2 de novembro, abrirase o prazo de inscrición na plataforma Cemit para os cursos “Busca de emprego 2.0” e “Deseño gráfico con Canva”.

A edil naronesa explicou que estas dúas accións formativas son as últimas que se impartirán este ano na Aula Cemit, e indicou que se impartirán do 1 ó 22 de decembro. Ofértanse un total de doce prazas para cada un dos cursos.

O curso de “Busca de emprego 2.0” ten un total de 56 horas e impartirase en horario de mañá, de 9.30 a 13.30 horas, de luns a venres. O alumnado abordará temas como a marca persoal na web 2.0, as redes sociais aplicadas á busca de emprego, o currículo 2.0 para un recrutamento efectivo e portais 2.0 para a busca de emprego.

No que respecta á acción formativa de “Deseño gráfico con Canva”, tamén terá unha duración de 56 horas e desenvolverase en horario de tarde, de 16.00 a 20.00, de luns a venres.

Os contidos a abordar son: edición de fotos con Canva, creación dun libro virtual, creación dun deseño con formato personalizado, creación de logotipo, creación de infografías, creación de menú para restaurante/cafetería, creación de cabeceira para YouTube, creación de miniatura ou Thumbanail para vídeos de YouTube, dun póster e tamén de publicacións para redes sociais e tarxetas profesionais.

As persoas interesadas poderán apuntarse dende o 2 de novembro ás 9.00 horas a través do enlace: https://cemit.xunta.gal/es/centros/naron

Lea también

A proxección da película “Cinco lobitos” abre hoxe mércores o ciclo de cine “Elas” no Pazo da Cultura, en Narón

O Pazo da Cultura acollerá este mércores, ás 20.00 horas, a primeira proxección do ciclo …