O Cidade volve de Begonte coas mans baleiras malia o bo xogo despregado

Os xogadores amarelos acosaron a meta local durante todo o encontro pero acusaron a falla de acerto nos últimos metros

 

Fot. arch.

O Cidade de Narón volveu de balde do seu desprazamento esta fin de semana a Baamonde logo de caer por 3-2 ante o Concello de Begonte. Malia que os xogadores naroneses puxeron o xogo e acosaron a meta local durante case todo o encontro, a efectividade da escuadra local nas poucas oportunidades das que dispuxo lle permitiu finalmente levarse os tres puntos. Os tantos do Cidade foron obra de Fer Combarro e de Luis.

O encontro arrancou cun Begonte con defensa en media cancha e un Cidade que foi de menos a máis. A igualdade no marcador rompeuse pronto. Cando a penas se levaba algo máis dun minuto de partido, Fer Combarro bateu ao porteiro local tras un saque en longo co pé.

Ese primeiro tanto deulle confianza ao equipo, mentres que o Begonte aproveitou para tentar bater a meta visitante con saídas á contra. E nunha desas chegou o primeiro erro naronés: unha perda no frontal da área foi aproveitada por Daniel Jove para traspasar o marco de Fer no minuto 5 e poñer o empate no marcador.

O gol fixo mella nos ánimos dos de Narón e deu alas aos xogadores que adestra Félix Julio Sarceda que se viñeron arriba e aproveitaron unha falla de
entendemento entre os amarelos para plantarse diante da meta de Combarro e provocar un penalti que Daniel Jove converteu.

O Cidade intentou remontar o marcador cunha presión alta pero unha boa xogada ás costas facilitou o terceiro tanto dos locais por medio de Brais. Así que con 3-1 no luminoso de Baamonde e tras pedir un tempo morto, o Cidade ordenou as súas liñas e a piques estivo de acurtar distancias. Pero non era o día dos de
Narón.

O segundo tempo foi un calco da primeira parte, cun Cidade que redobrou o se asedio á portería local e un Begonte ao que lle custaba saír da presión naronesa.
E mentres, sucedéronse as oportunidades para darlle á volta ao resultado: varios tiros exteriores de Brais e Diego e varios balóns que se pasearon por diante da portería local pero sen traspasala. Ata que no ecuador do segundo tempo, Rober, aínda recuperándose do golpe recibido no choque ante o Ventorrillo, filtrou u balón a Luis para poñer o 3-2 no marcador.

Aínda quedaba partido e tras cometer o Cidade a sexta falta, o Begonte dispuxo dun dobre penalti para ampliar a súa vantaxe. Pero un acertado Fer Combarro,
que atallou o disparo coa faciana, mantivo ao seu equipo no partido.
E con esas, Javi Albes decidiu ir a por todas e sacou porteiro-xogador, pero malia as moitas ocasións xeradas, os naroneses non foron quen de matar o encontro.

Ao remate, o técnico local lamentou que “pese a que o Cidade levou todo o peso do partido, o Begonte foi máis efectivo nas poucas ocasións das que dispuxo”.
O vindeiro fin de semana, o Cidade de Narón xogará na casa ante o Stellae FS.

Ficha técnica:

Concello de Begonte: Lobeiras, Daniel Jove, Brais, Daniel Varela e Sergio. Tamén xogaron Pablo Vázquez, Mario, Jose, Rodrigo, Martín, Pablo Carballeira e
Jorge.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Álex, Luis, Diego e Brais. Tamén xogaron Rober, Pablo, Iván e Joel.

Goles: (0-1) min. 1, Fer Combarro; (1-1) min. 5, Daniel Jove; (2-1) min. 11, Daniel Jove; (3-1) min. 12, Brais; (3-2) min. 30, Luis.

Árbitros: Sergio López e Sergio Piñeiro (C.T.A. Galego).

Pavillón: PM Baamonde (Begonte)

Lea también

Álex Rilo, representación ferrolana en la Copa del Mundo de Lievin

El ferrolano Álex Rodríguez Rilo disputará este sábado la Copa del Mundo de Lievin en …