Escolares de sete centros integran o Consello de Participación Infantil de Narón

 
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu este luns, día 28 de novembro, ás 12.00 horas o pleno de constitución do Consello de Participación Infantil, ó que tamén asistiu o secretario municipal, Alfonso de Prado.
 
Un total de catorce alumnos de sexto de primaria de sete centros de ensino da cidade ocuparon os asentos reservados para os concelleiros para proceder a constituír este novo organismo. A iniciativa, impulsada polo equipo de Educación Viaria do Concello de Narón, cos axentes da policía local Pedro Caneiro e Sonia López á fronte, responde ó proxecto “Cidade dos Nenos”, impulsada por Francesco Tonucci no ano 1991 e á que se adheriu o Concello de Narón no ano 2015.
 
Marián Ferreiro deulles a benvida ó salón de plenos ós escolares e animounos no inicio desta nova etapa que comeza hoxe entre alumnado, persoal docente e o equipo de Educación Viaria de Narón”. A rexedora local ofreceu a “total colaboración e apoio do Concello de Narón” e amosou a súa plena confianza nas propostas que sobre o camiño escolar realizarán nos vindeiros meses e que se presentarán nunha sesión plenaria en abril de 2023.
 
Cun único punto na orde do día, a constitución do Consello de Participación Infantil de Narón, iniciouse a sesión, na que se constituíu a Mesa de Idade cos escolares de maior e menor idade, Bárbara Pérez Páez e Chloé Durán García, dos CEIP Piñeiros e A Gándara, respectivamente e que pasaron a ocupar os espazos máis próximos á alcaldesa e o secretario municipal de cara á constitución oficial do citado organismo.
 
A continuación, os nenos xuraron ou prometeron formalmente o seu cargo como conselleiros e foron chamados por orde alfabética para que Marián Ferreiro, como máxima representante do Concello, lles entregase unha medalla na que se oficializaba o cargo que ostentarán a partir de agora, en representación do resto de compañeiros dos seus colexios.
 
As novas conselleiros dos Consellos de Participación Infantil son Chloé Durán García e Hugo Caruncho Martínez, do CEIP A Gándara; Mónica Llago Brandón e César Díaz García, do CPR Jorge Juan; Marco Canosa Díaz e Isabella López Alonso, do CEIP Piñeiros; Oliver Castro López e Noa Folgar Mouriz, do CEIP Ponte de Xuvia; Paula Miraz Rodríguez e Bruno Sanjurjo Vázquez, do CEIP A Solaina; Jaime Daniel Moar Fernández e Nahia Yrigaray Álvarez, do CPR Ayala e Lucas Jing Freijomil Martínez e Barbara Pérez Páez, do CEIP Virxe do Mar.
 
Os escolares continuarán desenvolvendo o calendario de actividades nos seus respectivos colexios ata o mes de maio, cando se emitirá un informe coas medidas a adoptar e se analizará dende o Consistorio a viabilidade da súa posible posta en marcha.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …