O presidente da Deputación visitou as instalacións da asociación de veciños de Canido

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou onte as instalacións da Asociación de Veciños do barrio de Canido “O Cruceiro” de Ferrol, onde o recibiu o presidente Andrés Dafonte. A súa asistencia coincidiu co desenvolvemento dunha clase de informática para maiores programadas desde a asociación e, durante a visita, o presidente estivo acompañado pola concelleira de Igualdade do Concello de Ferrol, Verónica Casal.

As clases de informática realízanse nunha sala con 11 computadores que foron renovados o ano pasado. A devandita renovación foi apoiada polo ente provincial cunha subvención de 3.498,73 euros, correspondentes ao 63% do orzamento total necesario para dotar a sala, que supuxo un desembolso total de 5.584,56 euros.

Ademais, o ano pasado a Deputación da Coruña outorgou á Asociación de Veciños do barrio de Canido unha subvención de 2.405,07 euros para sufragar gastos das clases de informática e de pintura.

“Mentres vós teñades ganas de seguir aprendendo, nós continuaremos apoiando ás asociacións que, como esta de Canido, volo permitan”, dixo Diego Calvo dirixíndose ao alumnado. O titular provincial tamén quixo referirse aos traballadores da asociación: “Realizades un labor moi importante e é unha satisfacción ver como os veciños utilizan os computadores e aprenden con eles. Esta renovación era necesaria porque os anteriores estaban obsoletos, e dar subvencións para fins así é un gusto”.

O presidente da asociación, Andrés Dafonte agradeceu a presenza de Calvo na asociación e quixo recalcar a importancia e o servizo que dan os novos computadores aos veciños do seu barrio.

Lea también

O BNG de Ferrol demanda no pleno, melloras nos comedores escolares

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou, acompañados de familias do ceip Cruceiro de Canido, …