O nacemento na casa da miña infancia

José Fonte Sardiña

Como todos os anos acontece cando os concellos comezan a alumar as súas rúas coas luces de Nadal e mesmo a competir entre eles por cal está máis fermoso ⸺o de Vigo non conta, porque, como é ben sabido, participa noutra categoría⸺, a miña memoria voa a aqueles marabillosos tempos da nenez en Pontedeume. O primeiro sábado despois da Inmaculada Concepción ―daquela aínda non existía a festividade laica da Constitución―, xa pola mañá, alentados polas escenas da Anunciación do Arcanxo Gabriel á Virxe María e da Adoración dos Pastores, representadas na parte de abaixo do retablo pictórico do altar maior da igrexa parroquial eumesa ―tan ben estudado en 1986, aínda que eu daquela o ignoraba, polo que logo sería o meu director no equipo de Publicacións do Xacobeo, o profesor García Iglesias, e hoxe felizmente restaurado―, os meus irmáns e mais eu, guiados polo noso pai, subiamos ao sacrosanto monte de Breamo, seguindo a primeira parte do percorrido que faciamos os dous días da romaría de San Miguel, para apañar, un chisco máis arriba das escaleiras do
Monumento, pretiño de Vista Alegre, un pouco de musgo ―hoxe todos sabemos que non se pode coller, aínda que, polo visto, había xa unha lei de 1962, xuro polo Arcanxo e os deuses prerromanos que alí se veneraron que totalmente descoñecida por nós, que o prohibía― que, coas serraduras que nos proporcionaban na carpintería dos Canosa, servise de base ao modesto nacemento que montabamos na casa (Fotos do retablo de don Benjamín Sevillano Gallego, párroco da Unidade Pastoral de Pontedeume).

Monte arriba contemplabamos a vila que quedaba atrás ⸺a igrexa parroquial, a capela das Virtudes, o Torreón, o castelo de Andrade, a ponte, o río Eume⸺, a ría de Ares e aquela pequena parte da praia de Cabanas que os eumeses considerabamos nosa ⸺con razón pero sen dereito⸺, antes de que se perpetrasen ⸺con dereito pero sen razón⸺ o tambricidio que acabou con ela e a construción do espigón.

Pola tarde baixabamos do faiado as figuras do Neno Xesús, a Virxe, san Xosé, o anxo, a mula e o boi, os Reis Magos nos tres camelos cos seus paxes, os pastores e lavandeiras, Herodes e o seu soldado e algúns animaliños, e os catro bloques de cortiza para facer o portal, a estrela, o castelo de Herodes, a pequena ponte, un muíño e algunha casiña. Toda a familia colocaba con entusiasmo o modesto nacemento, revestido coas faldras da bandeira de España, no curruncho máis relevante do humilde fogar. Tamén para nós, como conta Ramiro Fonte en “Os meus ollos”, “a tarde en que faciamos o nacemento era unha festa […]. Alleas ás íntimas traxedias da nosa vila, as
casiñas de cortiza do meu nacemento conformaban unha aldea feliz […]. Abofé que aquel mundo estaba ben feito” (Ramiro Fonte: “Os meus ollos”, Vigo, 2003, p. 90 e 93) (Foto de Chus Fonte, irmá de Ramiro, coas figuras do nacemento familiar).

Coma el, os meus irmáns e mais eu, e anos despois os meus fillos e sobriños, caemos na tentación de sermos creadores de historias cos personaxes
representados polas figuriñas do nacemento que se movían por un escenario que nos parecía moi real e que máis ca aquel Belén do primeiro ano da era
cristiá reproducía o noso Pontedeume, cheo do verdor do musgo, cun castelo que era unha humilde réplica do grandioso de Andrade que mandara facer o Bo na pena Leboreira no século XIV; os outeiros lembraban o monte de Breamo e as parroquias de Andrade e Vilar; as ribeiras do curso do río de papel de prata, as fragas e as parroquias de Ombre e Nogueirosa e da veciña Cabanas; a ponte, a desembocadura do pai Eume na vila; e as pequenas casiñas, as parroquias costeiras de Centroña e Boebre, que traen, mesmo na toponimia, lembranzas dos tempos castrexos e prerromanos, anteriores á natividade do Neno Xesús (Foto de Chus Fonte co castelo de Herodes do nacemento familiar).

Hoxe, dá xenio ver o nacemento da igrexa parroquial que representa fielmente tamén o noso Pontedeume, co Torreón, a Praza de Abastos, a fonte do Pilón, a capela de San Miguel de Breamo ou o mosteiro de San Xoán de Caaveiro magnificamente reproducidos (Foto de José Luis Gómez Fuentes do nacemento da igrexa parroquial de Pontedeume).

Conta Ramiro Fonte que, polo Nadal, “a fonte [das Angustias] leva moita auga e, se alguén deixa a billa aberta, séntese especialmente inspirada. Como boa eumesa, non vai ser ela quen deixe hoxe de cantar […]. Pontedeume é, por definición, unha vila musical […]. Case sen decatarme, fun recibindo clases de canto nas sobremesas das festas familiares. Dun xeito especial, na cea de Noiteboa, entre un bocado de turrón e un bocado a unha figuriña de mazapán […]. Aquelas cancións son seguramente os mananciais en que naceu o río da miña poesía. Por iso sigo amando o lirismo que se esconde nos versos populares, do mesmo xeito que sigo séndolle fiel á auga transparente que botan os doce canos da miña vila” (Idem, p. 95 e 96).

Naquela praciña das Angustias ⸺coa familia, os amigos de toda unha vida e unha cervexa na man⸺ é onde máis me gusta escoitar as panxoliñas que na Noiteboa soan nas rúas de Pontedeume, cantadas por Juan Sarmiento e os seus compañeiros de fatigas, a Coral Polifónica Eumesa e os Churumbeles.

Nesa noite máxica, na casa da miña infancia, coma en moitos outros fogares eumeses, tampouco non podían faltar, arredor do portal de Belén e presididos pola nosa queridísima avoa Jesusa, as panxoliñas do coro familiar, dirixido sempre, con rigor, simpatía e entusiasmo, polo noso tío Juan Sardiña, que nos traía uns cancioneiros ―hoxe gardo como verdadeiro ouro en pano un exemplar que hai uns anos me regalou a miña tía Mercedes, que hoxe xa descansa onda el―, que interpretabamos desde a primeira á última páxina (Foto de José Luis Gómez Fuentes do nacemento da igrexa parroquial de Pontedeume).

Foi para min un tempo verdadeiramente moi feliz e que gardo para sempre na memoria do corazón.

Lea también

La guerra nos afecta

Enrique Barrera Beitia Los artículos que más se leen en Galicia Ártabra son los dedicados …