Entrega en Narón dos biocomposteiros da campaña de compostaxe domiciliaria

O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, anunciou que este mércores, día 7, se entregarán no Café Teatro do Pazo da Cultura os biocomposteiros da campaña de compostaxe domiciliaria na que participan veciños da cidade de Narón.

O edil naronés indicou que o acto de entrega, terá lugar tras unhas xornadas formativas sobre compostaxe que se desenvolverán ese mesmo día ás 16.00 e ás 18.00 horas na citada ubicación. “A maiores das persoas que xa están participando, poderán achegarse veciños empadroados en Narón, tanto da zona rural como urbana, para recoller algún dos 75 biocomposteiros, ata esgotar as existencias”, asegurou.

Nas xornadas formativas persoal especializado ofrecerá ós asistentes información e unhas pautas encamiñadas a fomentar a transformación da materia orgánica en compost. “A finalidade é que eses residuos que xeralmente van a parar ó contenedor verde se utilicen para facer compost e sexan empregados como fertilizante”, apuntou o edil.

Así mesmo, en canto á ubicación dos biocomposteiros, Santalla explicou que “no caso de que unha persoa estea empadronada en Narón pero teña que instalar o biocomposteiro fóra do termo municipal nunha propiedade súa tamén poderá recollelo, porque a finalidade desta campaña é, unha vez máis, mellorar a eficacia da recollida selectiva, separando a materia orgánica en orixe”

As persoas que non estean inscritas na campaña e queiran levar un biocomposteiro poderán anotarse chamando ó teléfono 981 397 007 (ata o mércores 7 pola mañá, incluído) ou acudir directamente á convocatoria fixada no Café Teatro do Pazo o mércores a partir das 16.00 horas

Esta iniciativa lévase a cabo en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, no marco do programa Feder 2014-2020.

Lea también

O Concello de Narón acolle ata o 3 de maio unha exposición sobre saúde mental

A pranta baixa do Concello acolle dende este xoves 18 e ata o vindeiro 3 de …