O Concello de Narón dona a Ucrania parte do material recollido na campaña “A túa vella bici vale un sorriso”

A campaña “A túa vella bici vale un sorriso”, posta en marcha dende o Concello de Narón en colaboración co Centro de Recursos Solidarios e o establecemento BikeWorks de Narón, leva recollidas ata a data unhas 150 bicicletas, patinetes e correcorre.

Unha parte deste material, tal e como indicou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, entregarase á poboación ucraína a través do Centro de Recursos Solidarios de Narón. “O ano pasado xa colaboramos con envío de material a través do Centro de Recursos Solidarios e está previsto que o vindeiro luns saian parte das bicicletas recollidas cara á Coruña, dende onde a través da asociación AGA Ucraína as levarán ó seu destino”, apuntou.

Así mesmo, indicou que outra parte se doa ó Centro de Recursos Solidarios, en función da demandada que teñan, e tamén ós centros de ensino da cidade que as solicitan para utilizar no tempo de descanso.

O edil naronés recordou que se continuarán recollendo bicicletas, patinetes e correcorres ata o 4 de xaneiro no Concello, na planta de acceso, no departamento de Educación Viaria, en horario de mañá os días laborables e no establecemento BikeWorks de Narón, onde tamén se realiza unha posta a punto.

Romero agradeceu “a gran colaboración cidadá novamente nesta campaña a través da que tratamos que os nenos de familias máis vulnerables da cidade poidan ter entre os seus agasallos unha bici, un patinete ou un correcorre” e animou ás persoas que poidan facelo a que continúen doándoas para que cheguen ós seus destinatarios.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …