O Concello de Narón acolleu un recoñecemento público a nove axentes da Policía Local

A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu un acto de recoñecemento público a nove axentes da Policía Local pola súa participación en actos de especial transcendencia e mérito. A rexedora local estivo acompañada polo secretario Xeral do Concello, Alfonso de Prado, o xefe da Policía Local, Eduardo Pita, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, e outros edís da corporación local.

O salón de plenos do Concello acolleu a convocatoria, na que estiveron presentes tamén outros compañeiros dos homenaxeados: César Bouza Bellón, José Lorenzo Piñeiro García, Sergio Manuel Aceña Berlanga, Héctor Mera Piñón, Fracisco Javier Mayobre Rodríguez, José Antonio Cartelle Cobelo, Manuel González Barros, Pablo Rey Souto e Sara Fernández Bouza.

O Regulamento de distinción, honores e condecoracións da Policía Local de Narón regula no seu artigo 13 a concesión de felicitacións públicas segundo
diferentes supostos. O secretario xeral do Concello foi o encargado de ler a resolución de Alcaldía na que se recollen os feitos polos que recibiron a
felicitación pública. No caso de César Bouza, José Lorenzo Piñeiro, Sergio  Manuel Aceña, Héctor Mera e Francisco Javier Mayobre, formaron parte dun
dispositivo de control de seguridade cidadá nas festas do Alto do ano 2022, no que detiveron a un individuo que portaba un machete e causara lesións a outra
persoa, intentando agredir a outras. Así mesmo, os axentes José Antonio Cartelle e Manuel González, da patrulla de motoristas, detiveron no ano 2021 a
un individuo que agredeu a outro cun machado na avenida Cataluña. En ambos casos consideráronse actuacións meritorias de especial transcendencia na
prestación do servizo.

 

O policía local Pablo Rey detivo o pasado ano a un individuo que entrara a roubar nunha vivenda da rúa Lugo e perseguiuno polas rúas da Solaina ata alcanzalo e detelo. Pola súa banda, a axente Sara Fernández obtivo a felicitación por unha actuación individual que tivo lugar cando se atopaba fóra de servizo, no ano 2022, e colaborou na identificación e detención do responsable dun presunto delito contra o patrimonio no concello de Ferrol por furto dun microbús. A actuación manifesta unha gran profesionalidade e dedicación en defensa da Lei e da seguridade cidadá, tal e como se recolle na acta.

Marián Ferreiro entregoulles a cada un dos axentes un diploma e felicitounos polo seu labor en xeral e polas actuacións polas que recibiron o
recoñecemento en particular. A alcaldesa asegurou sentirse “moi orgullosa do Corpo da Policía Local de Narón”, do que destacou “a vosa gran
responsabilidade e o extraordinario labor que desenvolvedes día a día, velando pola seguridade cidadá e prestando un servizo fundamental para todas e todos nós”. Na súa intervención, Ferreiro animounos a continuar traballando como ata o de agora e incidiu en que “a maiores da vosa profesionalidade, dedicación e compromiso sodes un referente e un exemplo de compañeirismo que fai se cabe aínda máis loable o voso traballo diario e a vosa vocación de servizo”.

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …