Lenda do nacemento do río Eume

José Fonte Sardiña

Contan en Pontedeume, e así o recollen tamén, entre outros, Fermín Bouza Brey, Vicente Risco ou Esperanza Piñeiro de San Miguel e Andrés Gómez Blanco (Fermín Bouza Brey: ‘La mitología del agua en el Noroeste hispánico. III’, en “Boletín de la Real Academia Gallega”, 266, A Coruña, 1942, p. 39; Vicente Martínez Risco: “Etnografía”, t. III das “Obras completas de Vicente Risco”, Galaxia, Vigo, 1994, p. 36; e Esperanza Piñeiro de San Miguel e Andrés Gómez Blanco: “De lenda en lenda. Camiños máxicos polo Noroeste de Galicia”, Ferrol, 1999, p. 183) que, antigamente, naceran tres fontes na Serra do Xistral e sentiran asemade a chamada do mar, que lles prometera que a primeira en chegar onda el recibiría cada ano como recompensa a inmolación dunha persoa na súa honra (Foto do río Eume de Ángel Cendón).

Así pois, as tres comezaron xuntas o seu camiño cara ao mar e convertéronse nos ríos Sor, Landro e Eume. Outras versións da lenda substitúen quer o Sor quer o Landro polo río Masma, que nace así mesmo na Serra do Xistral e morre na ría de Foz, no mar Cantábrico, na Mariña Luguesa (Río Eume).

Así e todo, Antubel, a deusa celta das augas durmidas, das sombras e da noite, a quen as lendas cristiás lle atribúen un carácter demoníaco, espertou ao Sor caladiñamente e tentouno para que rompese o pacto e fuxise, só e sen tardanza, cara ao mar. Cegado pola avaricia de chegar á meta o primeiro, partiu sen demora cara á súa desembocadura na ría do Barqueiro, onde se funde co mar Cantábrico e separa os concellos de Mañón e O Vicedo e as provincias de Lugo e A Coruña (Foto da desembocadura do Sor no Barqueiro de Lola Fornos).

Tamén o fixo así despois Antubel co río Landro, que caeu igualmente na tentación da demoníaca deusa celta, marchou silandeiro a se abrazar co ansiado mar Cantábrico e desembocou na ría de Viveiro (Foto da desembocadura do Landro en Viveiro de Xosé Calvo).

Cando acordou o Eume e viu que os outros ríos o enganaran, invocou a axuda de Endovélico, o deus ancestral do lume e da luz e o soberano máis antigo dos celtas, a quen lle estaba consagrado o templo sobre o que os romanos levantaron logo a torre de Hércules. O Eume, enfurecido, seguiu decontado o luceiro de Endovélico cara ao golfo Ártabro, por non coincidir no Cantábrico cos seus traizoeiros rivais, veloz e sen descanso, durante oitenta quilómetros, saltando por riba de todo o que se lle puxo diante (Foto do río Eume de Ángel Cendón).

Chegou o primeiro dos tres ao mar, a Pontedeume, e entregouse aos brazos agarimosos da ría de Ares que o levaron en presenza de Endovélico, no devandito templo a el dedicado nas augas salgadas do océano Atlántico, no golfo Ártabro (Desembocadura do Eume).

O pai Eume é unha regalía e unha fonte de riqueza para as terras que percorre na súa viaxe cara ao mar. Así e todo, ben sexa polos produtos contaminantes vertidos nas súas augas, os incendios nas fragas, as centrais eléctricas que secan o seu caudal, as enchentes provocadas polos días de teimuda choiva, os desbordamentos do seu embalse, os caprichosos desaugues cando abren as súas comportas ou talvez por motivos insondables para as mentes dos seres humanos, de cando en vez, o río baixa furioso, como o día no que fora traizoado polos seus irmáns da Serra do Xistral, e lembra a vella promesa que lle fixera o mar se chegaba o primeiro ás súas salgadas augas (Río Eume).

Daquela brúa como as carracas na alba do día en Venres Santo. Logo, de súpeto, como despois da tempestade, vén a calma. Máis tarde as campás de tan e ten comunican a desgraza, tan… ten… tan… ten… tan… ten… «Logo nove golpes da de tan, se quen morreu é un home e sete golpes da mesma, se é unha muller […]. Se morre un neno hai que subir e tocar coa de tin o ben vai», como nos conta Ramiro Fonte (Ramiro Fonte: “Os ollos da ponte”, Vigo, 2004, p. 164).

O río nunca esquece a vella promesa.

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …