Ferreiro asiste ó “VII Encontro de Cidades para a Seguridade Viaria e a Mobilidade Sostible”

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o responsable das áreas de Mobilidade, Seguridade Viaria e Sinalización da Policía Local naronesa José Antonio Carballido, desprazáronse a Valladolid para asistir ó “VII Encontro de Cidades para a Seguridade Viaria e a Mobilidade Sostible” organizado polo Concello de Valladolid, a Dirección Xeral de Tráfico e a Federación Española de Municipios e Provincias.

“Entre todos sumamos cidades saudables” é o lema desta convocatoria, celebrada na Feira de Valladolid. A sostibilidade ambiental, a seguridade viaria, a saúde e o benestar das persoas que residen nas cidades centrarán a temática das intervencións, co fin de promover cidades máis saudables, humanas e próximas e nas que a cidadanía sexa a protagonista da mobilidade.

Así mesmo, analizase o impacto que tivo a redución do límite de velocidade nas cidades e tamén as oportunidades que ofrece o transporte público, a importancia da normativa e a vixilancia na seguridade viaria, a implementación de zonas de baixas emisión, e os desprazamentos a pé ou en bicicleta para unha mobilidade máis sana e sostible.

Ponentes como Pere Navarro, director xeral de Tráfico; María José Rallo, secretaria xeral de Transportes e Mobilidade; Ana Montalbán, coordinadora técnica da Red de Ciudades que Caminan; Óscar Moral, asesor xurídico do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade… participaron nesta convocatoria.

Dende a organización recalcaron o feito de que este Encontro se concibe “como un foro de reunión e debate para o análise da mobilidade e seguridade viaria urbana, co obxectivo de difundir, promover e impulsar boas prácticas e experiencias de seguridade viaria e mobilidade sostible”.

A alcaldesa valorou a asistencia a este evento, destacando o feito de que “representa un foro ideal para poder compartir as experiencias que en temas de mobilidade sostible e seguridade viaria estamos levando a cabo en Narón dende hai varios anos e tamén para intercambiar experiencias con diferentes profesionais nestas áreas”

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …