Escolares do CPI do Feal visitan o Consistorio de Narón

 
O Concello de Narón acolleu este luns, día 6 de febreiro unha nova visita de escolares cuxos centros participan no Programa de Recursos Educativos de Apoio á Escola, impulsado a través do Servizo Sociocomunitario.
 
A iniciativa “Coñecemento do Concello”, na que se enmarcan estas visitas, trouxo ó Consistorio a vinte e cinco escolares de sexto de Educación Infantil do CPI do Feal. Os nenos percorreron varias estancias do Concello e unha vez no salón de plenos visionaron o vídeo “Nara de Narón” acompañados pola abella Nara e un explorador que se encargan de dinamizar estas visitas teatralizadas.
 
Finalizado o vídeo recibiron á alcaldesa, Marián Ferreiro, que conversou animadamente cos menores e respostou ás preguntas que lle formularon sobre a cidade, o seu traballo… e finalmente entregoulles uns agasallos en agradecemento á súa visita. Rematada a reunión coa rexedora local os escolares fotografiáronse no photocall da abella Nara.
 
As visitas programadas para esta semana ó Concello continuarán mañá, cun grupo de sexto de Primaria do CEIP A Solaina e o venres, con outro de sexto de Primaria do CEIP Virxe do Mar.
 
A través deste programa municipal tamén se levan a cabo ó longo do curso visitas ás instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) de Narón, o Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, a Biblioteca municipal e o Centro de Recursos Solidarios.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo “O dragón de ouro”

A compañía Sarabela Teatro representará este sábado 20 no Pazo da Cultura de Narón, ás …