Os pintores da nosa cidade

jjburgoa@hotmail.com

 Coa chegada do mes de Setembro comezan a moverse os temas culturais. Mentres que continúa a torticeira parsimonia e as reviradas decisións municipais que condenan de momento ao ostracismo ao Ateneo Ferrolán, o resto das asociación culturais ferroláns semellan ter certa perlesía nas súas actividades, coa excepción da Sociedad Filarmónica Ferrolana, que, de xeito paseniño mais sen pausas, segue a organizar concertos e actos musicais a pesares do nulo apoio, por dicilo de xeito suave, do impresentable ocupante da Concellería Delegada de Cultura.

Noutros aspectos, desde outros lares, veñen a Ferrol visitantes de relumbrón, primeiro una Asociación Catalana de Defensa Cívica do Patrimonio, e despois toda unha Academia Pontificia en pleno visita ao Alcalde para apoiar o Patrimonio da Humanidade. Pero o incrible remate de tanto despropósito, foi a entrega nun contedor cultural de Ferrol dun chamado Premio de Investigación Histórica de Galicia (sic), dentro dun esotérico acto presidido polo Presidente da Deputación e outros figuróns, sen que se saiba nin se informe (a prensa ferrolá as veces en Babia) quen promove ese premio, quen o adxudica e cales son as razóns ou os traballos polos que se concede o mesmo.

Pero deixémonos de trangalladas porque hoxe temos a falar de cousas de interese para a nosa cultura e o noso patrimonio, nesta ocasión da arte pictórica e dos artistas de Ferrol. Estou a referirme a tres exposicións que nestas últimas datas podemos ver en Ferrol, por orden cronolóxico de inauguración, as de María Manuela, José González Collado e Eduardo de la Vega (nacido na A Coruña mais ferrolán de veciñanza e corazón).

María Manuela presentou na Galería Sargadelos unha interesante, aínda que un pouco curta, mostra da súa última obra, fundamentalmente constituída por acuarelas e acrílicos. A polifacética pintora, que nos seus diferentes traballos artísticos sempre tivo a aprecio da súa cidade, foi alumna, entre outros, de Segura Torrella, que deixou unha visible pegada na súa obra, en especial na composición e algo menos na cor, sempre mais matizado e de tons máis delicados no caso da artista ferrolá. Nesta última exposición María Manuela amosa o seu realismo expresionista, nunha linguaxe persoal dotada dun colorido vital, destacando na mostra unhas singulares estampas dos estaleiros ferroláns.

José González Collado tomou fai pouco tempo a decisión de doar un legado dunhas 200 obras da súa autoría, pertencentes a diferentes etapas da súa longa traxectoria. Hoxe non vamos a falar das dúbidas que se poden verbo dunha axeitada custodia e a exposición pública permanente destas obras pola parte dun Concello, desde tempo atrás e ata de agora incapaz de crear un Museo da Cidade. Hoxe toca simplemente falar desta interesante mostra que se pode ver na Fundación Caixa Galicia.

A devandita exposición amosa a variada temática e as diferentes técnicas empregadas por González Collado, facendo que a ampla mostra se poida ver dun xeito moi fluído. Tanto na paisaxe e no bodegón como no retrato ou na figuración, e dentro da súa recoñecida mestría para o debuxo, a súa obra ten unha pegada especial onde a suavidade das formas e a sinfonía das cores intégranse nunhas obras que nos levan polos camiños da fantasía.

Algúns dos seus críticos aducen que a súa pintura podería pecar de certa idealización (da que é un exemplo a carencia de rascos faciais) que lle quita vigor ou que os seus grupos de músicos, gaiteiros, arlequíns, cegos, peixeiras ou feirantes poden amosar unha certa repetición de formas e composición, mais por outra parte é certo que sempre fornecen dunha nova visión ao tema e, mesmo, nalgún caso,( de novo o exemplo contrario de poñerlle faciana ás figuras), consigue unhas obras de gran expresividade.

Eduardo de la Vega y Balanda é o protagonista da terceira das exposicións, neste caso unha pobre, aínda que interesante, mostra de cinco das súas obras no Centro Cultural Municipal da rúa do Hospital. Profesor durante máis de cincuenta anos na Escola de Artes e Oficios de nosa cidade, a súa obra caracterízase pola perfección do seu debuxo, a delicada cor e a composición clásica, seguindo as normas máis académicas dentro da pintura histórica e de retrato. Como obxección a súa obra, se pode sinalar que a súa pintura perde forza e interese, ao se cinguir moitas veces a temas relixiosos, históricos ou alegóricos, realmente alleos á realidade.

Nacido o ano 1859 na Coruña, foi alumno da Academia de Bellas Artes de Madrid, sendo os seus profesores Federico de Madrazo, Joaquín Espalter e Carlos de Haes. Instalado en Ferrol foi nomeado profesor de Debuxo da Escola de Artes e Oficio, que ao se transformar máis tarde na Escola Elemental do Traballo, Eduardo de la Vega foi designado director o ano 1936. Profesor  de numerosos alumnos, entre eles Máximo Ramos, Bello Piñeiro e Imeldo Corral, o pintor coruñés, que renunciou á dirección do Museo del Prado, foi tamén profesor do Instituto Concepción Arenal e de varias academias ferrolás, falecendo o ano 1943 en Ferrol.

A minguada exposición presentada no Centro Cultural Municipal ofreceu unha mostra de soamente cinco obras do pintor coruñés (tres delas cedidas polo seu neto). O rancio Concelleiro Delegado de Cultura e os seus colaboradores deberían informarse do número relativamente grande de cadros que se conservan de Eduardo de la Vega en Ferrol, tanto en institucións como o Hospital Xeral e o Concello como na propiedade da súa familia e outras persoas particulares.

 Xa o ano 1980 a Deputación Provincial presentou na Coruña a exposición “Pintores Ferrolanos”, na que, xunto a obras de Pérez Villaamil, Álvarez de Sotomayor, Agustín Robles, Máximo Ramos, Bello Piñeiro e outros, puidéronse ver unha ducia longa das súas obras, cedidas polos seus familiares de Madrid e Ferrol. Máis tarde, o ano 1994 tivo lugar no Ateneo Ferrolán unha nova exposición de varias destas obras. En resumo, é inexplicable este novo erro municipal; Eduardo de la Vega é merecente dunha exposición máis completa e axeitada.

Lea también

Confirmación das datas do I festival «Pontedeume vila do libro»

O Concello de Pontedeume converterase este ano na primeira vila do libro galega, un proxecto …