Rosalía recibe a homenaxe da veciñanza de San Sadurniño

Unha investigación da historiadora Sagrario Abelleira revelou en 2021 que Rosalía Castro (poñémolo sen o «de» porque era como ela asinaba) naceu un día 23 de febreiro e non o 24 como sempre se creu.

Por iso, desde o ano pasado a homenaxe á autora ten a xornada deste xoves 23 de febreiro marcada no calendario como data oficial do seu aniversario, e van 186. San Sadurniño sumouse ó tributo cun acto que se desenvolveu na Casa da Cultura no que participou a rapazada do CPI, o grupo de cantos de taberna e varios dos usuarios do Centro de Día, quen ademais tamén contribuíron ó grande mosaico artístico «Letras e cores para Rosalía».

A través desta última iniciativa, o Concello convidou á veciñanza a escribir lemas dedicados á autora e a darlle cor a un deseño do debuxante Juanlu Nacha. En total recibíronse 250 tarxetas que poden admirarse e lerse no recibidor do centro cultural.

O tributo que se lle ofreceu á escritora este xoves, día 23 de febreiro, en San Sadurniño combinou a interpretación de varias pezas tradicionais por parte da escola de cantos de taberna coa lectura de textos extraídos da antoloxía poética rosaliana.

Nas declamacións participaron, principalmente, o alumnado e o profesorado do CPI de San Sadurniño, aínda que tamén houbo  varias persoas que se achegaron á Casa da Cultura para sumárense á homenaxe, xa fose lendo fragmentos da súa obra ou versos e escritos de autoría propia reivindicadores da súa figura e da vixencia do seu pensamento galego e feminista.

Ademais, no transcurso do acto tamén puido verse a peza “Feminino”, producida polo colectivo The Sun Girls (Graciela Galdo, Olga Vigo e Mónica Cibreiro) para o último Chanfaina Lab. A curta, máis ben videoclip, está montada con 160 fotografías de mulleres de San Sadurniño sucedéndose sobre o poema de Rosalía «A xustiza pola man» recitado como rap.

Mónica Cibreiro introduciu a proxección dirixíndose á mocidade do CPI para pedirlle que reflexionase sobre o seu contido «que segue estando moi vixente», asegurou.

A concelleira de Cultura, Amparo Calvo, conduciu o evento alternado coa entrega de agasallosm camisetas, plantas e pequenos detalles relacionados coa escritora, sorteados entre todas as persoas que achegaron escritos ou debuxos coloreados dentro da iniciativa artística colectiva «Letras e cores para Rosalía».

Entre textos e estampas o Concello xuntou arredor de 250 tarxetas que quedaron distribuídas por todo o recibidor da Casa da Cultura. A responsable da área destacou a alta participación e agradeceu especialmente a implicación da rapazada do centro educativo e das persoas usuarias do Centro de Día.

O acto de homenaxe a Rosalía co gallo do seu 186º aniversario rematou cantando a versión de Uxía Senlle de “A Rosalía (No bico un cantar)”, musicada orixinalmente por Luís Emilio Batallán sobre un poema de Manuel Curros Enríquez

Lea también

Cariño intensifica su plan integral de restauración de mobiliario

Reparación de baldosas, reposición de aceras y bordillos de aceras, restauración de papeleras o sustitución …