21 O/ Sestayo critica o incumplimento das promesas de Feijóo para con Ferrol

  “Feijóo e o resto de representantes do Partido Popular deberían saber que cando un asina un contrato ante a cidadanía cunha serie de compromisos concretos  debe rendir contas e asumir as consecuencias do cumprimento, ou non, do mesmo”. Así se manifestou a candidata número 3 ao Parlamento, a socialista Beatriz Sestayo, en resposta ao balance realizado onte polo responsable da campaña electoral do PP e presidente da Deputación, Diego Calvo. E é que, segundo explicou Sestayo, “é escandoloso e indecente” que os populares asuman como propios –e case únicos- investimentos realizados polo Goberno do socialista Emilio Pérez Touriño para “tapar a nula xestión realizada polo Executivo de Núñez Feijóo na comarca nos últimos catro anos”.

Neste eido, actuacións como as obras das estradas de Castela e Catabois, os centros de día e escolas infantís como a de Ares –por certo, municipio no que, xunto co da Capela, agardan dende que Feijóo accedeu ao Goberno da Xunta por un novo centro de saúde xa comprometido polos responsables autonómicos anteriores e que “curiosamente”, despois de catro anos de retraso, licitáronse hai un mes- ou a depuración da ría – correspóndense á etapa anterior. “Unha vez máis, a mentira e a manipulación son o único que poden vender os candidatos do PP a tres semanas dunhas eleccións nas que os cidadáns agardan por unha explicación clara e solvente sobre os recortes salvaxes dos Gobernos de Rajoy e Feijóo e sobre ese compromiso, asinado a través dun contrato polo propio Feijóo, con Ferrol”, destacou Beatriz Sestayo.

Refírese a responsable socialista a eses famosos “13 compromisos con Ferrol” que centraron a campaña electoral de 2009 e que, “como pode constatarse facilmente”, non hai nin un cumprido. Sobre un deles, a creación dun grande centro de reparacións do naval que daría, en palabras do propio Feijóo, 2.000 postos de traballo, Sestayo apuntou que “ninguén sabe nada dese centro, nin moito menos deses 2.000 empregos que, desgraciadamente, son os que se perderon en menos dun ano neste sector estratéxico para a comarca de Ferrolterra”. “Esiximos ao PP que, dunha vez por todas, deixe de buscar responsables da súa incompetencia e pasotismo deste mandato e que, se non pensa, quere ou sabe cumprir coas súas promesas, non as faga e as venda”, engadiu.

Finalmente, en resposta ao candidato do PP Miguel Tellado, que aseguraba onte que “lo que se hizo en Servicios Sociales es aplastante”, a que foi deputada no Parlamento nestes anos e portavoz socialista desta área sinalou que “lamentablemente, o que o Partido Popular fixo nestes anos si foi aplastante, pero porque aplastaron dun xeito cruel e inxusto os servizos sociais e todos os avances que neste eido acadaramos co Goberno de Touriño, poñendo fin ao Estado de Benestar que agora os socialistas queremos recuperar a partires do 21 de outubro”.

Lea también

21 O/ Jorquera reconoce el revés electoral

 El candidato del BNG a la presidencia de la Xunta, Francisco Jorquera, ha reconocido que …