Curso en Narón de Montaxe de mobles e elementos de carpintería

O Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, acolle o vindeiro mes de marzo, en quenda de tarde, un curso de Montaxe de mobles e elementos de carpintería impulsado a través da Deputación da Coruña, no marco do Plan de Emprego Local (PEL) para persoas en situación de desemprego.

O Concello de Narón colabora con esta formación poñendo a disposición as citadas instalacións municipais para o seu desenvolvemento, tal e como indicou a concelleira responsable da área de Formación, Natalia Hermida.

O alumnado que remate o curso obterá un certificado de profesionalidade en Montaxe de Mobles e elementos de carpintería de nivel 2, emitido pola Xunta de Galicia e con vixencia en todo o territorio estatal. As prazas son limitadas e as persoas interesadas en inscribirse poden contactar co Concello, a través do teléfono 981-337700, (extensión 1123) ou no propio entrechán, na oficina da Axente de Desenvolvemento Local.

A inscrición é de balde e diríxese a persoas desempregadas que cumpran os requisitos establecidos no proxecto, que terán dereito a percibir unha axuda económica baixo o concepto de estímulo e motivación para a participación nos itinerarios de inserción laboral.

A maiores de ofrecer unha titulación oficial, prácticas en empresas e opción a bolsa esta formación conta tamén cunha serie de módulos complementarios, como ecodeseño, economía circular, restauración de mobles e emprendemento para pequenas empresas do rural, así como visitas a empresas e feiras, complementando o seu contido e ofrecendo unha formación moi completa ó alumnado.

Lea también

El atrio de San Xulián de Narón lucira una talla del patrono confeccionada en el tronco de un árbol

Nuevamente el artesano de la piedra y la madera, y reconocido muralista Carlos García Romero deja …