O Entroido en Pontedeume, tempo de festa, fartura e freixós antes da Coresma

José Fonte Sardiña
Conta Vicente Risco que “o Entroido é unha festa ritual, cunha chea de cerimonias. É un rito o de vestirse de máscara; é un rito o comer neses días a cachucha e o rabo de porco, as torrixas [sic], as filloas, as orellas de frade e outras larpeiradas propias do tempo; son un rito, incluso, o botar farelos uns ós outros, as bromas e demais chascos e pegotas. Mais o rito principal consiste en representar o Entroido nun moneco de palla vestido, pasealo triunfalmente nun carro ou da cabalo e, por fin, xulgalo, sacrificalo e enterralo” (Vicente Risco: “Etnografía”, en Obras Completas, t. III, Galaxia, Vigo, 1994, p. 552 e 553) (Enterro do Antroido no Mércores de Cinza en Pontedeume).

Aínda que dá varias interpretacións que xustifican estas festas, Risco di que talvez “haxa que pensar máis ben nun rito relacionado co curso do ano: cecais o Meco ou Entroido represente o inverno ou o ano vello, co cal non deixaría a cousa de ser un rito agrario de fecundidade” (Idem, p. 553) (Queima do Meco en Santiago de Compostela).

Sexa como for, o certo é que este “tempo de Entroido leva dúas semanas e media […]. Domingo Fareleiro, Xueves [sic] de Compadres, Domingo Corredoiro, Xueves [sic] de Comadres, Domingo de Entroido ou Domingo Gordo, Luns de Entroido, Martes de Entroido ou Terza Feira Gorda, e ―eventualmente― Miércoles [sic] de Cinsas ou Ceniza [sic]. As festas antigas a que fan remontar o Entroido podían ser noutros tempos, mais é sabido que as datas das festas desprázanse doadamente, e o noso Entroido, como o de todo o noso círculo cultural, suxeitouse ó ano cristián” (Idem, p. 552) (Comparsa eumesa “Viva el amor libre” de 1905).

Neses días de Carnaval, que preceden á Coresma, os galegos bebemos, comemos cocidos, torradas, freixós ―que é como nas Terras do Eume lles chamamos ás filloas―, orellas… a fartar; saímos, con disfraces e máscaras, en comparsas, criticando con retranca o acontecido nas nosas vilas ao longo do ano, e gozamos da vida, da alegría e da festa o mellor que podemos (Freixós das Terras do Eume e Comparsa de Pontedeume de 1968).

En Pontedeume, o Mércores de Cinza, queimamos o Antroido ―que é como na vila o chamamos― e cantamos: “Xa morreu, xa morreu, / dunha enchente que comeu. / Non chorar, non chorar, / que o vamos enterrar. // Este Antroido que aquí vedes, / éche un valente animal, / en vez de ir en automóbil / vai montado nun tabal” (Queima do Antroido na parroquia eumesa de Centroña, cuxa asociación de veciños é sempre firme valedora da cultura galega e das nosas tradicións).

A catártica queima do Antroido anuncia que rematan a festa e a fartura e comeza o tempo de Coresma previo á Semana Santa. Como afirman a cantiga recollida por Vicente Risco: “Adiós, Martes de Entroido, / adiós, meu queridiño, / hastra o día de Pascua / non se come máis touciño. // Adiós, Martes de Entroido, / adiós, meu queridiño, / hastra Domingo de Pascua / non volvo untar o fuciño” (Idem, p. 588); ou a prosa de Ramiro Fonte lembrando a súa infancia: “O venres, na casa, a relixiosa abstinencia. O noso veciño Agustín o carniceiro podía pasar ese día sen ter que afiar os coitelos” (Ramiro Fonte: “Os meus ollos”, Vigo, 2003, p. 197).

Un aquel amoucado e morriñento, despois de cantar o “Xa morreu” que marca o final do Entroido, este Mércores de Cinza, apelicado ao cristal da miña ventá, contemplo como, igual que o facía na novela de Cela, “chove mansamente e sen parar, chove sen gañas pero cunha infinita paciencia, como toda a vida, chove sobre a terra que é da mesma cor có ceo, entre branda verde e branda gris cincento” (tomado e traducido de Camilo José Cela: “Mazurca para dos muertos”, Barcelona, 1983, p. 9), e agardo que estiñe coa tranquilidade coa que os galegos vemos caer a auga das nubes sabendo que é unha regalía do ceo ―que case sempre nos semella algo farturenta― e tendo a seguridade de que “nunca choveu que non escampase”. E, naturalmente, así o fixo.

Aumenta a miña melancolía a triste noticia do pasamento do Bruxo, Amancio Amaro, un galego sabio e retranqueiro que xogou no Deportivo e o Real Madrid ―os dous equipos do meu corazón, despois, por suposto, do noso Eume, que ocupa o primeiro  lugar―, que me chegou na mañá do Martes de Entroido. Foi un ídolo da miña infancia.

Xogaba de estremo dereito, co número sete ―eu só o intentaba― e os seus caneos sempre me engaiolaron.

Lembro que o ano que colgara as botas ―despois de gañar nove Ligas e unha Copa de Europa co Real Madrid e unha Eurocopa coa Selección Española― gardei coma un tesouro durante décadas o póster que saíu nas páxinas centrais do “As Color” e que cando xogabamos a monto nunca utilizaba os cromos do galego Amancio e o eumés Pedro Amado por medo a perdelos.

Que a terra lles sexa leve aos dous e que descansen en paz!

Lea también

Las cuentas del concello

Enrique Barrera Beitia El pasado lunes el pleno municipal ferrolano aprobó el presupuesto para 2024. …