Charlas sobre o control da velutina nos centros cívicos sociais de Doso e Sedes

O vindeiro venres, día 31 de marzo  terá lugar unha nova charla do programa “Stop vespa velutina”, impulsado pola Asociación Galega de Apicultura en colaboración co Concello de Narón e, neste caso, coa Asociación de Veciños A Naveira, de Doso. O centro cívico social da citada parroquia acollerá ese día, ás 19.00 horas, unha charla informativa sobre os riscos de ter un niño de vespas velutinas próximo ás vivendas e tamén da importancia do trampeo primaveral.

A seguinte convocatoria programada será o 4 de abril ás 20.00 horas no Centro Cívico Social de Sedes, un acto que conta coa colaboración da entidade veciñal Rosa dos Ventos, da citada parroquia naronesa. En ambos casos o técnico apícola Rafael Nieto será a persoa encargada de impartir as charlas, nas que se abordarán temas como o control primaveral de raíñas, como evitar niños próximos ás vivendas, a fabricación de trampas e atraíntes, actuacións ante niños (aviso, retirada e precaucións) e primeiros auxilios por picaduras.

O trampeo entre os meses de marzo e maio é fundamental, tal e como subliñan dende AGA, para evitar a proliferación das vespas velutinas, unha ameaza para as persoas e tamén un problema medioambiental.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo “O dragón de ouro”

A compañía Sarabela Teatro representará este sábado 20 no Pazo da Cultura de Narón, ás …