Ferrol e Mondoñedo rememoran o seu Irmandamento

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, encabezou a delegación da Corporación Municipal da cidade naval que se desprazou onte a Mondoñedo para participar nos actos do Día de Ferrol con motivo das tradicionais festas de As San Lucas. Unha xornada coa que tamén se conmemorou o irmandamento entre os municipios de Ferrol e Mondoñedo, de tal xeito que se afondaron nos lazos que unen a ambos concellos.

Os actos institucionais tiveron lugar na Casa do Concello. Na súa intervención, José Manuel Rey Varela lembrou que hai oito anos ferroláns e mindonienses asinaban un pacto de irmandamento, co que “oficializabamos a estreita relación que os nosos concellos veñen mantendo dende hai tempo e co queremos refrendar os nosos vínculos sociais, culturais e tamén relixiosos”. Nesta liña, o primeiro edil da cidade lembrou a tradición das San Lucas, que se remonta ao século XIII e que hoxe está declarada Festa de Interese Turístico Nacional; así como algún dos vencellos que teñen Ferrol e Mondoñedo. Entre outros aspectos que unen a ferroláns e mindonienses, José Manuel Rey se referiu ao feito de que os dous concellos compartan Diócese –que foi creada polo Papa Juan XIII-; ou á relación que mantiveron dous grandes da literatura como foron Álvaro Cunqueiro e Gonzalo Torrente Ballester. Así mesmo, o alcalde fixo un chamamento á unidade fronte á crise económica, convencido de que “entre todos, por encima de partidos, e coa axuda da sociedade civil, superaramos as dificultades actuais”.

Tralos discursos dos rexedores, José Manuel Rey Varela, en nome da cidade de Ferrol, fixo entrega ao seu homólogo mindoniense dun cadro pintado pola artista ferrolá Carolina Fernández Prieto. O programa de actos incluíu a presentación do libro do escritor e xornalista galego Ramón Loureiro “Donde Europa comienza”; e, posteriormente, os representantes municipais de Ferrol e Mondoñedo participaron na entrega de premios do concurso de gando no Campo dos Paxariños.

Lea también

La UDC y la Asociación de Ayuntamientos del Camino Inglés firman un convenio de colaboración

Julio Abalde, rector de la Universidad de A Coruña, y Manuel Mirás, Presidente de la …