O goberno municipal de Ferrol duplica a contía das achegas destinadas a asociacións veciñais e culturais

A Concellería de Cultura, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, destinará este ano o dobre que o anterior exercicio de 2011 a subvencións para a promoción e fomento de actividades culturais das asociacións veciñais e culturais do Concello de Ferrol. Así, o anunciou García Hurtado aos grupos municipais na comisión informativa da área, na que presentou as bases reguladoras destas achegas que en 2012 ascenderán a un total de 76.000 euros: 46.000 a repartir entre as asociacións culturais e os 30.000 restantes para as entidades veciñais. Ademais de duplicar os fondos que todos as anualidades a Concellería de Cultura destina a este fin, o actual goberno municipal decidiu eliminar a partida de libre disposición coa intención de que a distribución dos cartos públicos sexa transparente e coa participación de todos os grupos políticos.

Precisamente, o desexo do edil delegado de Cultura é fixar de maneira conxunta cos grupos políticos da oposición os criterios que se seguirán para o reparto destas subvencións. De aí, que na comisión informativa de hoxe lles fixera entrega aos concelleiros que forman parte da mesma dunha primeira proposta de convocatoria público para que estes engadan as súas suxestións. Nestas bases establécese que serán prioritarias nesta convocatoria de axudas a asociacións veciñais e culturais “as accións tendentes a facilitarlle á cidadanía un uso activo e creativo da actividade cultural e a fixación de programas e programacións culturais”. Deste xeito, o Concello quere contribuír a promover a difusión e a posta en valor de todas as manifestacións da cultura galega en xeral e da ferrolá en particular.

Así mesmo, o documento sobre o que traballarán os grupos municipais exclúe da convocatoria as actividades que xa estean subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias de subvencións ou de plans do Concello de Ferrol; as viaxes de ocio e os gastos de manutención; as actividades de carácter confesional e as festas, agás as que teñan tradición e interese cultural; os gastos de funcionamento das entidades, agás da porcentaxe de gasto de xestión consignado para o desenvolvemento das actividades e que non poderá ser máis do 20% do custe da actividade; e os cursos de formación onde os beneficiarios sexan os propios asociados nunha porcentaxe superior ao 50% dos asistentes, os que a formación sexa continua e/o inherente ao desenvolvemento dos obxectivos e fins da entidade ou os que non sexan de estrito carácter cultural.

Requisitos

No que atinxe aos requisitos que deben cumprir as asociacións veciñais e culturais que desexen acollerse a estas subvencións da Concellería de Cultura, estas deben contar con estatutos aprobados segundo a normativa vixente, ter os seus datos actualizados no rexistro municipal de entidades, no caso de que foran asociacións que fosen beneficiarias de subvencións en anos anteriores outorgadas polo Concello de Ferrol deberan telas xustificadas en tempo e forma, ter un número mínimo de 20 socios, carecer de fins de lucro, desenvolver as súas actividades no ámbito do municipio ou sobre temas de interese para ela e estar ao corrente das súas obrigas fiscais.

O prazo de presentacións das solicitudes de axuda será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación do anuncio da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. O importe máximo da subvención será de 12.000 euros en total e unha comisión avaliadora formada polos concelleiros de Cultura e Participación Cidadán, un representante de cada grupo municipal, tres membros de entidades cidadáns e persoal administrativo do Concello, estudará as solicitudes. Os criterios comúns que se seguirán para a concesión das achegas, e que están recollidos na proposta de bases feita polo edil de Cultura son: o interese da actividade, o número de beneficiarios, a parte de financiamento que corre a cargo da asociación, a adecuación da actividade ao interese local e o nivel de representatividade da entidade.

Premio de Gravado Máximo Ramos

Noutra orde de cousas, a Comisión Informativa de Cultura desta mañá tamén ditaminou de forma favorable sobre as bases do Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos 2012 e, na área de Educación, deuse conta do convenio subscrito entre o Centro de Formación e Recursos (Cefore) e o Concello de Ferrol para a publicación de un millar de exemplares da revista IDEA 2012.

Lea también

O Concello de Ferrol presenta unha nova edición de FESTEA

O Concello de Ferrol continúa promovendo programación cultural dirixida ao público infantil despois de que …