Eleccións

Miguel Alonso

A dereita gañou outra vez as eleccións galegas, como case sempre, dende que se nos permite votar (deamos grazas a deus…). Agardaba, máis ou menos, este resultado aínda que recoñezo que non tan avultado. O pobo é sabio, din, así que o pobo saberá. Só unas puntualizacións hoxe, se lles parece:

–          Parabéns aos que votaron ao PP, porque nos condenan a catro anos máis de recortes e de someternos aos ditados da Merkel e compaña. Déronlle un claro balón de osíxeno a Rajoy, que xa está lexitimado para continuar coa súa política actual. Pois moi ben. Só unha cousa: o PP, recibindo case 140000 votos menos, ten máis escanos que antes. Cousas da Lei D´Hont.

–          Parabéns aos que se abstiveron. Ben, non quero ser inxusto, aquí hai dúas posturas. Hai un sector (completamente respetable) que argumenta o por que da súa abstención (este sistema non nos representa, non é democrático…). Podo estar de acordo con parte do discurso pero non coas consecuencias que nos trae a curto prazo este feito. Porén, hai outro grupo que non foi votar por desidia, ou por un exceso de crítica aos partidos tradicionais (xa saben que a abstención sempre é maioritariamente de esquerdas). Eles son, en certa medida, os culpables de todo isto, supoño que o reflexionarían ben…

–          Parabéns, agora en serio, á Alternativa Galega de Esquerdas, que tivo unha entrada espectacular no Parlamento. Beiras demostrou unha vez máis (e cantas van xa) que é un político doutra raza. Vai ser simpático velo na oposición enfrontándose a Feijóo. En realidade, sería aínda máis divertido velos aos dous nun debate nas próximas eleccións, aínda que, debido á idade de Beiras, non creo que iso suceda. Ah! Unha puntualización, vaia risa me deu escoitar a xente do PP criticar a idade de Beiras, sería para chorar de risa se non fose todo dun cinismo tan extremo.

–          Vaia revés o do BNG e, ademais, foi moi, moi feo iso de botarlle a culpa dos seus resultados á AGE. Aínda así, agardo que fagan algo de autocrítica e consigan levantarse. Son necesarios.

–          Do PSOE non penso nin falar.

Para rematar, parabéns á xente de Euskadi e aos espectaculares resultados da esquerda. Aquí, os seguintes catro anos volven a ser de loita. E de loito.

Lea también

Sabores ártabros-Chocolate con churros

José Perales Garat Tal vez una de las cosas que más unen a las familias …