A curiosa hipocresía dos medios de comunicación

 Miguel  Alonso

Levo varios días dándolle voltas a iso que di o título desta colaboración. Non é que me estrañe,  claro,  os medios teñen donos e intereses privados que queren preservar a toda costa, pero ultimamente demostran o seu carácter parcial cada vez que dan unha noticia minimamente importante. Só quería facerlles reflexionar comparando unhas noticias aparecidas estes días:

En primeiro lugar falaremos de Inditex. Resulta que Amancio Ortega entregou 20 millóns de euros a Cáritas coa crise. Para comezar, parabéns por ter 20 millóns de euros para regalar. Fora desta broma miña, como ben saben vostedes, todos os medios fixéronse eco desta noticia, enxalzando a suposta filantropía do magnate. Eu penso que iso de dar 20 millóns a unha organización non gobernamental está moi ben, claro, o que pasa é que un comeza a ver aí certa hipocrisía cando reflexiona: canto cobran os empregados dos Zara? Teñen contratos fixos? Algún por aí dirá que fago demagoxia (xa saben, ese mal que só as esquerdas sofren), pero seguramente ese alguén non lería a noticia (publicada en pequeniño e non en moitos xornais) de que Inditex está implicada nun escándalo por facer traballar a inmigrantes ilegais en condicións de escravitude en Brasil. Eu, demagóxico de min, penso que  en lugar de facer populismo (porque iso é o que é) dando diñeiro a Cáritas (desgravaralle?) primeiro habería que velar polas condicións laborais dos empregados. Mal, Inditex, mal, e moi mal polos medios que só se fixeron eco dunha das noticias.

En segundo lugar quería falarlles dos dous supostos membros de Resistencia Galega aos que detiveron fai pouco. O de “supostos” dígoo eu, porque a maioría de medios de comunicación saltáronse a presunción de inocencia e vulneraron todos os dereitos desas dúas persoas. Incluso publicaron os seus nomes completos. Igual non lles parece raro, pero resulta que aínda non houbo un xuízo. Ata sei lendo os xornais que teñen un bebé de oito meses ao que mantiveron separado da súa nai a pesares de ser lactante. Parece que a falta de probas fixo que liberaran á nai sen fianza, aínda que imputada. Agora quero facer unha pequena reflexión, que non ten que ver con Resistencia Galega nin cos detidos en si: eu sei os seus nomes, sei que teñen un fillo e ata sei onde viven, pero non sei, por exemplo, o nome da empresa que organizou o desgraciado desastre do Madrid Arena, onde morreron varias rapazas. Ben, seino agora, despois de varios días, pero na maioría de noticiarios só se referían a eles como “a empresa organizadora” (revisen as hemerotecas se non me cren). Parece que a presunción de inocencia (a pesares das claras probas de neglixencia) si serve para eles. Mal, moi mal tamén.

En resumo, parece que ultimamente a falta de ética comeza a ser preocupante nos medios. Xa o vimos tamén nas eleccións galegas, con varios xornais repartindo papeletas para votar a Mario Conde ou cun xornal de tirada nacional saltándose a xornada de reflexión e pedindo o voto para o candidato que defendía a unidade deste país, que non se di país, que se di España.

Lea también

Sete anos da presentación de “Los disfraces de la traición”, de Olga Rico

José Fonte Sardiña O día 10 de marzo de 2017, presentabamos na Casa da Cultura …

Un comentario

  1. Nada nuevo bajo el sol, el cantaautor sigue se camino de la forma acostumbrada. Nada que objetar pues estamos en un medio libre y aquí se admite todo, como queda escrito.