A Xunta restaurará a canle natural de desaugamento da Lagoa de Valdoviño

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, levará a cabo a partir de hoxe xoves, a restauración da canle histórica de comunicación entre a lagoa da Frouxeira e o mar. Trátase dunha actuación preventiva que ten como obxectivo último repoñer as condicións de funcionamento da canle histórica de comunicación co mar.

Os traballos de restauración da canle pretenden rebaixar o nivel da cota de inundación, evitar unha nova apertura explosiva da lagoa que a experiencia amosa como desfavorable para a conservación da lagoa e o sistema dunar e favorecer a restauración da canle orixinaria de comunicación entre a lagoa e o mar, o que permitiría a recuperación do funcionamento hidrolóxico natural do sistema. Así, o canal que se abrirá, reproduce a condución histórica máis longa (uns 300 metros en total) e suave que a existente, e que desaugará ao norte da illa Percebelleira.

As datas elixidas para levar a cabo esta actuación coinciden cunhas condicións propicias de clima, de cota da lagoa e de mareas que minimizan os riscos sobre o sistema.

Esta actuación forma parte das directrices do Plan de Conservación do Humidal Protexido Lago e Areal de Valdoviño, que está a tramitar a Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

No pasado mes de outubro rematouse o documento técnico, que abrangue unha superficie de485,23 ha. O espazo estrutúrase sobre o humidal da Lagoa da Frouxeira, incluíndo a propia lagoa en sentido estrito, a barreira litoral, a praia grande e pequena da Frouxeira, así como distintos terreos conformados por hábitats húmidos (cauces fluviais, depresións intradunares húmidas, xunqueiras, bosques húmidos) e medios dunares e de cantís contiguos a estes ). O espazo pertence á Rede Natura 2000 e está incluído dentro do ámbito territorial do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, na actualidade en fase de participación pública.

O plan de conservación establece (dentro dos obxectivos e directrices do plan director da Rede Natura) as medidas de conservación e xestión específicas para este humidal. Desde a perspectiva histórica analiza os cambios temporais e a evolución o longo do século XX deste humidal no que predominaron as intervencións artificiais sobre o réxime natural. Así mesmo, o documento perfila as directrices de xestión en torno a recuperación do funcionamento hidrolóxico do humidal, a restauración dos hábitats dunares, o regulamento das actividades de uso público, o control e a mitigación das especies exóticas invasoras, a promoción da información ambiental dos valores do complexo húmido e o establecemento dun sistema de seguimento o abeiro das normativas que o regulan.

Conclusións do plan

Teñen especial importancia as conclusións obtidas no documento relativas ao funcionamento hidro-ecolóxico actual do humidal. No instrumento ponse en evidencia, entre outras cuestións, que de acordo cos datos históricos, o réxime hidrolóxico do humidal da Frouxeira foi sometido a un manexo artificial recorrente.

Co obxectivo de impedir a inundación dos terreos circundantes da lagoa e de evitar danos nos terreos urbanizados ou cultivados abríase esta canle de desaugue mediante o emprego de medios manuais e nas últimas décadas co emprego de maquinaria, o que supuxo a perda da configuración da canle natural. O obxectivo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é recuperar o sistema histórico de desaugamento.

 

Lea también

Valdoviño completa las plazas ofertadas a la exposición «Museos de Ferrolterra 2024»

En apenas dos días, el Ayuntamiento de Valdoviño ha completado las plazas para participar en la …