O centenario do asasinato de Canalejas e outros esquecementos

Juan J. Burgoa-TIRANDO A DAR

Fai 250 anos, o día 18 de Outubro de 1762, naceu en Ferrol José Lucas Labrada Romero.  Traballou máis de 40 anos como Secretario no Real Consulado da Coruña, importante institución para os intereses marítimos e comerciais da cidade. Considerado un dos máis senlleiros ilustrados galegos, foi o autor da “Descripción Económica del Reyno de Galicia”, meritoria exposición dos problemas económicos da Galicia do século XVIII, reputado como o primeiro libro editado en Ferrol (Ano 1803).

Fai 200 anos, o día 2 de Xuño de 1812, naceu en Ferrol Domingo Díaz de Robles, militar e escritor en galego e castelán. Xunto con Antolín Faraldo e Neira de Mosquera, foi un dos pioneiros na tarefa de crear unha conciencia do país, fundando a revista “El Idólatra de Galicia”, órgano de expresión do provincialismo galego. Publicou numerosos traballos referentes á historia e á etimoloxía de Ferrol e a súa comarca, sendo considerado o iniciador do estudio do folclore ferrolán. Ningún destes notables persoeiros ferroláns teñen lembranza algunha na súa cidade natal, pasando desapercibido o aniversario do seu nacemento.

Pódense  citar outros ferroláns como José Ferrer de Couto, militar, escritor e periodista, director en New York do periódico “La Crónica”; o médico José López de la Vega, emigrante americano, autor de ensaios, obras literarias e teatrais, morto en Madrid; Emiliano Balás, tamén médico, pintor, escritor e poeta bilingüe, presidente do Ateneo Ferrolán e membro de Irmandades da Fala; outro médico, Francisco Cabo Pastor, membro de Solidariedade Galega, escritor en galego e castelán; Dictinio de Castillo-Elijabeytia, avogado e intendente da Armada, poeta e prosista, que rematou de profesor nunha universidade alemá.

Os anteriores constitúen unha mostra do ouvido que sofren os personaxes ferroláns pola parte dos torpes representantes da cultura do Concello e das paralizadas asociación culturais, nunha cidade como Ferrol onde unha serie de corifeos e intelectuais de silveira (todos saben de quen falo) non paran de render pleitesía a uns  persoeiros practicamente alleos ou con moi pouca presenza na urbe, caso de Casares,  Gurméndez, Celso E. Ferreiro ou Cunqueiro.

 Hoxe cumpre lembrar o centenario do asasinato de José Canalejas Méndez. Nacido o ano 1854 na rúa Real de Ferrol, foi fillo do barcelonés José Canalejas Casas, director da Escola de Maquinistas da Armada, e da sevillana Amparo Méndez Romero. Trasladado de neno a Madrid, cursou as carreiras de Dereito e de Filosofía e Letras. Dentro da ideoloxía liberal progresista, dirixiu o influínte periódico “El Heraldo de Madrid”. Desenvolveu un notable labor no eido cultural, foi decano do Colexio de Avogados, e presidiu o Ateneo de Madrid e a Academia de Xurisprudencia e Lexislación.

Ministro da Monarquía, Presidente do Congreso de Deputados e desde Febreiro de 1910, reinando Alfonso XIII, era Presidente do Concello de Ministros cando foi asasinado. Practicou unha política liberal avanzada, promulgando a lei do servizo militar obrigatorio, a regulación do traballo da muller ou a autorización da liberdade de cultos, pola que se romperon as relacións co Vaticano. No seu mandato chegou o socialismo ao Parlamento, da man doutro ferrolán, Pablo Iglesias. Aínda que Canalejas proxectou un Instituto de Reformas Sociales como ferramenta de arbitraxe entre empresas e traballadores, non acadou un acordo con Iglesias, frustrándose unha das principais metas do seu goberno.

José Canalejas, home de sinxela vida familiar, morreu vítima dun atentado, amosando o seu asasinato unhas características non repetibles hoxe nun político. Cando ía a pé e sen escolta ao seu despacho oficial, foi abatido por dous disparos de pistola mentres botaba unha ollada no escaparate da librería San Martín, na madrileña Puerta del Sol, o día 12 de Novembro de 1912. O autor do crime foi o anarquista, Manuel Pardiñas Sarrato, natural de Huesca, que se suicidou a continuación. Falecido practicamente no acto, o seu cadáver foi levado á capela ardente, instalada no Congreso dos Deputados, onde foi despedido por milleiros de cidadáns. Foi soterrado o día seguinte, cun gran cerimonial e cunha concorrida asistencia ao cortexo presidido polo rei Alfonxo XIII, no Panteón de Homes Ilustres da Basílica de Atocha.

Nunca aclaráronse os motivos do crime de Canalejas; o seu propio fillo, logo Duque de Canalejas e numerosos estudosos, desde Antón del Olmet a Comín Colomer trataron do tema e apuntaron variadas hipóteses. Aínda que algúns concordan coa tese oficial de que fora un obxectivo directo do anarquismo por mor da súa política laboral, outros adxudican a súa morte ao apoio da masonería, a un complot dos republicanos ou dos socialistas, a unha conspiración da banca, a unha vinganza dos militares, ou á simple actuación individual dun iluminado, vingando a morte do seu colega Ferrer Guardia.

Algún escritor expuxo a teoría dunha relación de Pablo Iglesias co asasino de Canalejas. Unha desafortunada frase, relativa ao uso do atentado persoal, que Iglesias, influído polos sucesos da Semana Tráxica e falando sobre Maura,  pronunciou o 7 de Xullo de 1910 no Congreso dos Deputados, foi logo usada, fora de contexto, como coartada polos seus inimigos para implicalo no asasinato de Canalejas. Ademais de que esta teoría non se compadece co feito de que Canalejas fora advertido polo partido socialista para que tomase medidas de protección ante un posible atentado, é esclarecedora a publicación “En torno a Pablo Iglesias”, onde o seu autor, o escritor e pintor ferrolán José Leyra, rebate de xeito tallante unha teoría máis apoiada en xuízos de intencións que en feitos constatados.

Mentres diferentes cidades de España recordan a Canalejas (caso do conxunto escultórico ergueito en Alicante por Vicente Bañuls ou da notable escultura funeraria feita en Madrid por Mariano Benlliure), na súa cidade natal mesmo o ano 1981 se lle quitou o seu nome a unha rúa da urbe. Hoxe, dentro do habitual esquecemento de Ferrol cara aos seus naturais, tan só un correcto retrato, obra de Vila Prades, nas paredes do Concello ferrolá e unha sinxela placa recolocada fai poucos anos na súa casa natal, a penas lembran a memoria de José Canalejas Méndez.

 

 

 Retrato de Canalejas no Concello de Ferrol

Obra de Vila Prades

 

Ilustración  1.- Visita de Canalejas a Ferrol. Año 1908

Arquivo Ricardo Nores. Entre outros aparecen Emilio Antón, Joaquín Moreno e Emiliano Balás

 

 

 

 

 

 

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …