O concello de Ares aproba un amplo programa de actividades e obradoiros

O Concello de Ares, a través da área de Xuventude que dirixe a socialista Victoria Montenegro, iniciará próximamente un calendario de actividades a desenvolver ao longo do presente curso 2012-2013 na Casa da Xuventude, nomeadamente na aula CeMIT. Estes cursos, dos que se informou na Comisión correspondente, tratan de dar resposta á demanda que existe na actualidade e, fundamentalmente, á situación de crise económica.

Varios obradoiros

Así, os técnicos de dinamización de dita aula prevén a celebración de varios obradoiros, como o de titorización/busca de emprego “EmpregARES”, que pretende axudar a buscar emprego a través das diferentes plataformas da rede; de elaboración de currícula; de software libre; de prevención de VIH (promovido polo programa Galia); e de procedemento de constitución dunha asociación, no que se explicará o procedemento para crear unha entidade, os trámites necesarios e os tipos máis comúns.

Para este curso tamén están previstos obradoiros de creación dun blog para un uso educativo do mesmo ou un curso de fotografía dixital que ten como obxectivo o de familiarizar aos seus participantes na iniciación da fotografía dixital, a composición fotográfica e o posterior retoque. Vencellado con este último, os servizos da Casa da Xuventude promoverán un concurso fotográfico para o alumnado co fin de familiarizalos coa fotografía alternativa, cuxos traballos serán dados a coñecer a través dunha exposición que se habilitará na Aula polivante deste edificio municipal.

Tampouco faltará un espazo adicado ao banco do tempo; unha iniciativa coa que se pretenden afianzar as relación de coñecemento mutuo entre os usuarios e de compartir o seu tempo a través dunha actividade lúdica e formativa.

Primeira Party Informática

Os mozos e mozas do concellos, como non podía ser doutro xeito, son outros dos principais protagonistas do programa de actividades promovidas polo Concello de Ares para o presente curso académica. Así, habería que destacar, por unha banda, a Primeira Party Informática, na que os rapaces poderán interactuar e intercambiar todo tipo de datos e coñecementos en diversos campos telemáticos vencellados coa informática.

Por outra, desenvolverase un amplo programa de actividades no Punto Xove, que van dende o Espazo Cine Clube, no que se proxectarán películas educativas en valores sociais, ata un obradoiro de seguridade na rede, tamén dirixido aos pais e nais dos participantes. Unha actividade destinada a buscar a mascota que represente á Casa da Xuventude e a súa Aula CeMIT; outra para dinamizar a promoción de grupos musicais a través da elaboración e presentación de maquetas a través de internet; e as actividades de xogos na rede completan o calendario de iniciativas que se impartirán durante este curso.

Lea también

Xavier Alcalá e Manel Cráneo presentan en Ares a novela gráfica ‘Cinza’

O salón de actos da Alianza Aresana acolle o venres 19 de abril, ás 19:30 …