Comeza o XXVI Concurso Internacional de Piano «Cidade de Ferrol»

O Teatro Jofre acolle dende o xoves 22, até o vindeiro día 29 o XXVI Concurso Internacional de Piano “Cidade de Ferrol”, que converterá a Ferrol na capital do piano en España coa presenza de 42 talentosos intérpretes procedentes de 18 países e de idades non superiores aos 35 anos. A primeira xornada do concurso, tras a presentación do evento e o sorteo da orde de actuación dos participantes, terá lugar ao redor das 20.30 horas o clásico concerto inaugural, que nesta edición correrá a cargo dos prestixiosos pianistas Leonel Morales, de Cuba; e Ilan Rogoff, de Israel; ambos os dous membros do xurado do certame.

Hoxe pola tarde, venres 23, comezará a competición propiamente dita, coa primeira fase de eliminatoria que, como todo o concurso, estará aberto ao público. Esta primeira proba durarán ata o domingo 25; e nela os pianistas deberán interpretar unha peza de Bach e un estudio a elixir entre varios compositores. A segunda fase do concurso, tamén eliminatoria, desenvolverase o luns 26 e o martes 27, e consistirá na interpretación da obra “Iberia”, de Isaac Albéniz; máis outras a libre elección do concursante. Tras unha xornada de ensaios, á gran final do xoves, día 29 chegarán tres pianistas. O Jofre acollerá o desenlace da XXVI Concurso Internacional de Piano “Cidade de Ferrol” a partir das 20.00 horas; e coa novidade da presenza da Orquestra Sinfónica de Galicia, que acompañará aos pianistas.

Durante a semana que dura o certame internacional de Piano a entrada ao Teatro Jofre para seguir as evolucións dos pianistas é gratuíta. Agás na xornada de mañá -co concerto inaugural- o día 29 –coa gran final-, en que o prezo da entrada é de 5 euros.  No que atinxe aos premios estes se manteñen con respecto a edicións anteriores:

 

–       Primeiro Premio: Diploma e 12.000 euros.

–       Segundo Premio: Diploma e 6.500 euros.

–       Terceiro Premio: Diploma, e 4.000 euros.

–       Premio ao Mellor Intérprete en Música Española: Diploma e 2.000 euros.

–       Premio “Gregorio Baudot” ao Mellor Intérprete Galego: Diploma e concerto.

Por último, o número de concursantes por países é o que segue: Rusia (9); España (6; dous son galegos); Corea (6); Xapón (4); Italia, Kazajistán, Taiwán (con 2 pianistas cada un); e Alemaña, Bulgaria, China, Exipto, Estadios Unidos, Francia, Xeorxia, Hungría, Moldavia, República Checa e Ucraína (1). Cómpre salienta que sete dos concursantes que se presentan a esta XXVI edición xa participaron en anos anteriores, algún deles en máis de unha ocasión.

Lea también

Confirmación das datas do I festival «Pontedeume vila do libro»

O Concello de Pontedeume converterase este ano na primeira vila do libro galega, un proxecto …