A Xunta está a redactar un Plan de Xestión do humidal da Frouxeira-Valdoviño

A Xunta de Galicia está a redactar un Plan de Xestión do Humidal da Frouxeira, que regulará todas as medidas que minimicen os problemas actuais e permitan mellorar e potenciar o funcionamento da lagoa no seu réxime natural. Así o manifestou hoxe durante a súa intervención parlamentaria o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón, que sinalou que este plan estará finalizado no primeiro semestre de 2012.

As medidas de protección establecidas no paseo marítimo e a xestión do nivel de inundación da lagoa constitúen accións excepcionais e urxentes que non poden repetirse e menos consolidarse como un modelo de actuación no humidal. Polo tanto, é necesario desenvolver un programa de medidas que garanta a curto e longo prazo un bo estado ecolóxico do humidal e unha conservación favorable dos hábitats e especies que o conforman.

Este plan de xestión debe resolver os efectos dos cambios ordinarios do nivel de inundacións sobre os predios particulares de forma coherente cos obxectivos de conservación do espazo. Estas solucións será preciso operalas en dous niveis: instando aos organismos sectoriais a solucionar as problemáticas concretas, desenvolvendo accións que permitan un funcionamento en réxime natural do sistema e implementando un plan de xestión do humidal.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza ten instado ós organismos competentes de cara a dar unha solución definitiva aos problemas que derivan da situación deste espazo natural protexido ao tempo que promoveu a constitución dun grupo de traballo multisectorial ( Dirección Xeral de Sostibilidade de Costa e do Mar, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Universidade de Santiago, expertos nas áreas da ecoloxía, zooloxía, hidroloxía do litoral e o Concello de Valdoviño) para avaliar, dotar de financiamento e impulsar as medidas necesarias que concilien a conservación deste enclave cos usos que se desenvolven.

García Borregón lembrou que o conselleiro de Medio Ambiente solicitou a principios do mes de xaneiro a implicación activa da Demarcación de costas do Estado na adopción de medidas. Neste sentido, o secretario de Estado de Medio Ambiente manifestou mediante escrito de 2 de febreiro de 2012 a plena disposición para prestar apoio e colaboración nas medidas que se adopten. De igual maneira se ten instado o concello de Valdoviño sobre a necesidade de adoptar as accións e medidas descritas.

Medidas urxentes
O responsable de Conservación da Natureza explicou que a Xunta traballou de xeito comprometido e dende o primeiro momento en solucionar o problema das inundacións que tiveron lugar nas inmediacións da lagoa de Valdoviño.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza mantivo distintas reunións con representantes doutras administracións como Augas de Galicia, Costas de Galicia, Concello de Valdoviño e por suposto, cos veciños das zonas afectadas. Tras estas xuntanzas, dende o Goberno galego impulsáronse distintas actuacións urxentes co fin de mitigar os problemas derivados do réxime de inundación.

Unha das medidas adoptadas foi a apertura de tres camiños, xa formulados nas Normas Subsidiarias, como viais preferentes das vivendas, pero que estaban sen crear, polo que algunhas das vivendas soamente tiñan saídas rodadas a través do paseo marítimo. Tamén se construíu unha barreira de sacos de area sobre o paseo marítimo e protexéronse as bombas de augas fecais e selado dos colectores de augas pluviais. Estas opcións, desenvolvidas dende o 27 de decembro en adiante, funcionaron con éxito, sen alterar o réxime natural do humidal.

García Borregón explicou que o seu departamento, en coordinación coa Demarcación de Costas de Galicia, considerou necesario formular e executar actuacións de xestión do humidal destinadas a reducir a cota de inundación da lagoa. Así deseñouse un dispositivo de regulación da cota de inundación, analizada e valorada por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Na segunda quincena do mes de xaneiro, unha vez que se daban as condicións de xeometría e de climatoloxía axeitadas, implementáronse medidas de xestión encamiñadas a reducir o risco de que se producira un baleirado natural violento da forma menos axeitada. Isto permitiría deseñar e executar medidas permanentes para compatibilizar os usos e a conservación deste espazo encamiñando á evolución natural dos procesos hidrobiolóxicos que configuran a lagoa.

Con posterioridade a isto, foi retirado a totalidade do dispositivo tanto de contención da inundación como do dispositivo de regulación da cota procedendo a restauración total da praia.

Lea también

Proyección en Valdoviño del documental “Chicas Nuevas 24 horas”

Este viernes 22 de marzo, a las 20:30 h, la casa de la cultura de Valdoviño acoge la proyección del …