O xurado fallou os premios «Concepción Arenal» e «González Llanos» convocados polo Concello de Ferrol e a Universidade

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu o fallo do xurado dos VIII Premios Concepción Arenal e González Llanos, convocados polo Concello e a Universidade da Coruña.

A investigadora Rosario Mascato Rey, polo seu traballo “Valle-Inclán, poeta moderno no canonizado”; e Ana Álvarez García polo estudo titulado: “Reducción del consumo de combustible fósil y de las emisiones de CO2 en buques de pasaje mediante la implementación de un nuevo diseño de colector solar térmico”, resultaron gañadores do Concepción Arenal en Humanidades e Ciencias Sociais e do González Llanos, no campo da enxeñería naval; respectivamente.

O ditame do xurado, que en ambos dous casos foi unánime, deuse a coñecer nun acto que tivo lugar no Salón de Recepcións do Pazo Municipal de Ferrol. A vicerreitora do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social, Araceli Torres; o concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado; os compoñentes do xurado e representantes dos grupos municipais asistiron á notificación do fallo, que posteriormente o alcalde transmitiría por teléfono aos gañadores. Cada un deles recibirá un premio en metálico de 12.000 euros.

 A importancia dos premios

Na súa intervención, Rey Varela subliñou a importancia que teñen estes galardóns, que as institucións municipal e académica, convocan conxuntamente dende o ano 1998, co obxectivo de recoñecer e apoiar a labor dos investigadores. “Considerados no eido universitario como un dos galardóns de maior prestixio son, xunto aos premios Enxeñeiro Comerma e Antonio Usero, unha mostra evidente da boa relación que o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña veñen mantendo dende hai anos”, manifestou o primeiro edil da cidade.  Nesta liña, o rexedor comprometeu a continuidade da participación da Administración ferrolá nestes premios pese a diminución nos orzamentos xerais para 2013 obrigada pola complexa situación económica, afirmando que “esa baixada non afectará, como non podía ser doutro xeito, á área social”.

 Así as cousas, o vindeiro ano o Concello volverá a destinar 30.000 euros para a convocatoria das novas edicións do Antonio Usero e Enxeñeiro Comerma, que “xunto cos que hoxe fallamos, constitúen unha aposta forte e decidida polo I+D+ì”. Ademais, o alcalde destacou o carácter industrial, ilustrado e universitario de Ferrol, e que se pon de manifesto á perfección nestes premios de investigación. Para rematar, Rey Varela insistiu na aposta decidida do Concello de Ferrol pola Universidade e o seu campus. “Unha vontade que non se limita soamente as palabras, senón que se atesoura con feitos como estes premios de investigación”.

 

 

Lea también

O CIRS de Cervás de Ares, énchese polo Día Mundial do Teatro

Cunha radio xigante onde se poden ler nomes de lugares de todo o mundo, dende …