Ás veces

Miguel Alonso

Xa saben vostedes que, ás veces, os cantautores poñémonos trascendentais e claro, pasa o que pasa. A min pásame de cando en vez, máis nas cancións que nos artigos. Un día senteime ao piano e escribín este tema, reflexionando sobre moitas cousas á vez. Non é dos temas máis fixos do meu repertorio e, porén, é unha das miñas cancións preferidas.  Déixolles tamén un vídeo cantándoa en directo na TVG.

Para a semana falaremos das eleccións catalanas, de “Arturo” Mas e ata de Tejero. Como se quedan? Vémonos!

Ás veces (Miguel Alonso)

 

Ás veces fuxo de ti e aínda me deixas

ulir o perfume dos teus bicos.

Na miña cama hai tantos beizos, tantas queixas,

tanto solpor aínda durmido.

Ás veces esperto e non entendo nada

e aborrezo tanto aos homes

que esquecen ao ir ao traballo coa alborada

os seus soños e os seus nomes,

e só deixan as pantasmas,

e perverten a ledicia e as cores

da súa familia e da súa casa,

da súa familia e da súa casa.

E ás veces,

xa digo que só ás veces

non sei mentirche boca a boca,

non sei cando o meu corpo provoca

as agonías das túas pernas,

a redención das túas cadeiras,

a túa bendición sobre min.

Ás veces loito contra min mesmo e digo

se non sería mellor perderme

no meu mesmo mundo comigo

coma fuxindo do teu ventre,

coma buscando outros abrigos,

coma durmíndome no berce,

coma un refuxio clandestino,

coma un refuxio clandestino.

E ás veces…

 E aquí está o vídeo: http://www.youtube.com/watch?v=6puuYN9iDak

Lea también

Las cuentas del concello

Enrique Barrera Beitia El pasado lunes el pleno municipal ferrolano aprobó el presupuesto para 2024. …