O Concello de Ares asina os contratos para a execución de dúas do POS 2012

O Concello de Ares, a través do seu alcalde, Julio Iglesias, vén de asinar os contratos coas empresas que executarán as dúas obras que se financiarán con fondos do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación correspondente á presente anualidade.

A primeira das obras, a da renovación da rede de abastecemento de auga potable a Os Castros, conta cun orzamento de 32.877,69 euros e un prazo de execución de dous meses. Será, neste caso, a empresa González y González a que execute esta actuación, coa que se procederá á renovación do colector de abastecemento, que se atopa en mal estado e provoca numerosos coartes no subministro de auga ás vivendas situadas nese marxe da zona de Os Castros.

A segunda das obras que se executará con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación do presente ano 2012 correrá a cargo da empresa Canosa e correspóndese á  reparación, mantemento e mellora de vías municipais no Concello de Ares, que afecta ao lugar de Barracido, na parroquia de Caamouco. A intervención, que comezará en cuestión de días –o prazo de execución é de dous meses-, consiste en reparar e mellorar a pavimentación e as infraestruturas dunha serie de camiños no lugar de Barracido, así como a mellora das comunicacións e dos servizos.

Nomeadamente, levarase a cabo a reparación integral do pavimento de formigón, o asfaltado dos pavimentos de terra compactada e terra natural, a dotación de alumeado público, a reparación de taxeas existentes e a formación de cunetas en terra compactada. O orzamento é de 31.224,30 euros.

 

Lea también

A Agrupación Instrutiva de Caamouco (Ares) organiza «A Festa da Horta»

Pequenos e maiores teñen unha cita o domingo 21 de abril na Horta de Quinín. …