Ignacio Vidal Portabales gañador do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor

Ignacio Vidal Portabales é o nome do gañador do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor. Entre as novelas finalistas do certame, “Dióxenes en Dolorida” e “Tara”, o Xurado acordou outorgar finalmente o galardón á primeira, presentada co lema “Arieira” e o título de “Dióxenes en Dolorida”. Aberta a plica da novela premiada, o autor da obra gañadora resultou ser o veciño de Santiago de Compostela, Ignacio Vidal Portabales.

Ignacio Portabales gañador do Premio

Nado en 1958 en Santiago de Compostela, Ignacio Vidal Portabales é Doutor en Dereito e profesor titular de Dereito Mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

No ámbito profesional, ademais de numerosos artigos científicos de temática xurídica, publicou os seguintes libros: O contrato de patrocinio publicitario no Dereito Español (1988), O réxime xurídico da liquidación na Sociedade Cooperativa Galega (2004), e Sociedade da Información e Empresa (2010). No plano literario, obtivo, na súa mocidade, diversos premios de poesía: Premio Universitario San Martiño Pinario (Santiago de Compostela) ou o 2º premio no II Certame Literario de Ribadeo.

Dióxenes en Dolorida é a súa primeira novela en lingua galega. Unha obra que salienta, segundo o Xurado, pola súa estrutura e estilo áxil e directo, polo emprego de diferentes voces narrativas e do humor como elemento condutor e pola recreación dun ambiente a medio camiño entre o real e o paródico. Tamén salienta o Xurado o esforzo de introspección que o autor realiza nas relacións de parella e a propia construción do personaxe protagonista.

Ignacio Vidal Portabales recibeu o Premio Blanco Amor nunha gala organizada polo Concello de Fene que se celebrou o sábado, día 1,no local da SCRD Agarimo de Sillobre.

 

Lea también

Cabanas conmemora o Día do Libro

O Concello de Cabanas conmemora o Día  do Libro, que se celebra este 23 de …