Noticiario semanal

Miguel Alonso

Sen dúbida, a noticia da semana pasado (e do mes enteiro) foi a detención de Díaz Ferrán, ex-presidente da CEOE e, por tanto, antigo líder dos empresarios españois. A súa detención, como seguro que saberán, débese a un suposto delito de alzamento de bens e de branqueo de diñeiro. Ademais del, tamén foron detidas outras persoas como Ángel del Cabo, o suposto liquidador de Viajes Marsans. Para eles foron as fianzas máis altas da historia deste país.

                O raro non é que o detiveran, claro. O aconsellable, de feito, sería que acabaran no cárcere todos os empresarios estafadores do país, que son uns cantos. O asunto é que este home fartouse de explicarlle á sociedade española que “había que traballar máis e cobrar menos” ou que “ a mellor empresa pública é a que non existe”. Logo se queixarán de que a sociedade española estea farta. Mentres, o goberno do PP, protector do antigo presidente da patronal e seguidor a cegas do seu ideario, bota agora balóns fóra e “alégrase de que algúns señores acaben onde teñen que acabar”. A min, que queren que lles diga, non me sorprendería nada que o home pasara un tempo entre reixas e logo fora indultado. Xa saben que iso se lle da moi ben a este goberno.

                Falando de indultos, claro, quero referirme ao caso dos catro mossos condenados por torturas. Como saben, detiveron a un cidadán confundíndoo con outro que atracara unha tenda. Sen identificarse o máis mínimo, emprendérona a paus con el e ata lle puxeron unha pistola na boca. Finalmente soltárono cando se deron de conta de que non era a persoa que buscaban. Ah! Non dixen que o cidadán en cuestión eran romanés, importa? A Audiencia condenounos a seis anos de cárcere, pero o magnánimo goberno que temos indultounos. E digo eu, iso non é lexitimar a tortura? Non merecían un castigo? A súa acción parece máis propia de paramilitares que dunha policía democrática e normal. Outra cousa que non se debería pasar por alto é a seguinte: por que o goberno ten o poder de conceder indultos? Os poderes do estado non eran independentes? Iso pensan tamén 180 xuíces, que firmaron un manifesto criticando o indulto en cuestión.

                E agora imos á noticia máis importante de todas (trabuqueime antes, é máis importante esta que a de Díaz Ferrán). Non é xa da semana pasada, penso, pero aínda non a comentara por aquí. Resulta que di Benedicto XVI no seu novo libro que a mula e o boi non apareceron por ningún lado no nacemento de Xesús de Nazaret. Incrible.  Non creo que ninguén puidera vivir sen tal revelación. Non sei exactamente en que fundamenta a sentencia, pero é o Papa e é infalible, non? Así que católicos do mundo, xa saben. Eliminen as mulas e os bois do belén. O caganet, se o poñen, poden deixalo, que dese non dixo nada.

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …