Un alumno da aula CeMIT de Pontedeume premiado no concurso de produción visual

 Francisco Javier Pita, que participou dende a aula CeMIT de Pontedeume, recibiu o premio ao mellor guión técnico por “Deja Vu”

Patricia Costas Salgueiro (da aula CeMIT de Vigo), Henar Alonso Lomba (da aula CeMIT de Tui) e Francisco Javier Pita (da aula CeMIT de Pontedeume) foron os gañadores do Concurso de Produción Audiovisual, unha iniciativa enmarcada no Plan de Dinamización 2012 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT).

O concurso, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), tiña como obxecto recoñecer os mellores traballos desenvolvidos polos alumnos do Curso de Produción Audiovisual que se desenvolveu entre outubro e novembro nas  aulas CeMIT de 39 concellos galegos.

 Tres categorías 

O premio ao mellor guión literario recaeu en Patricia Costas Salgueiro por “La dictadura de lo ajeno”; o mellor guión técnico en  Henar Alonso Lomba, por “A viaxe de Uxía” e Francisco Javier Pita recibiu o premio á mellor montaxe por “Deja Vu”. En total presentáronse a este concurso 326 traballos e os premios consistiron nun Netbook para o mellor  guión técnico, un reprodutor Blu-ray para o mellor guión literario  e unha videocámara dixital para a mellor montaxe. O xurado, composto entre outros polo profesor do curso de produción audiovisual, valorou a orixinalidade e a creatividade así como o  tratamento do tema, o esforzo e a dificultade.

Formación a través de videoconferencia

Durante a actividade, que contou con 60 horas de duración, os participantes percorreron todas as fases polas que pasa calquera produto audiovisual, centrándose especialmente na parte de edición de audio e de vídeo.

Para o desenvolvemento do curso de Produción Audiovisual empregouse  o sistema de videoconferencia e videocolaboración das 39 aulas CeMIT participantes, posibilitando a comunicación entre todos os participantes en tempo real a través de imaxe, chat, compartición e control de aplicacións remotas. A actividade estaba dirixida a todos aqueles que desexaran obter unha preparación específica para incorporarse a un posto de traballo dentro dunha produtora, distribuidora ou canle de televisión, e a aqueles que quixesen mellorar ou actualizar a súa formación neste sector.

Lea también

Sale a licitación en Pontedeume as obras do camiño Estreito e a avenida da Coruña

O Concello de Pontedeume sacou alicitación unhas obras para a renovación do pavimento e os …