O Pleno de Narón debatirá a adquisición da antiga casa cuartel da Garda Civil de Xuvia

O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco e o Concelleiro de Obras Públicas, Angel Castro, visitaron  onte a Casa Román, acompañados da directiva da Asociación de Veciños “Altea” de Xuvia. O obxecto da visita foi comprobar cómo quedou o exterior da parcela, unha vez que finalizaron os traballos de desbroce e adecentamento realizados sobre a maleza desta finca, por parte do Concello.

Este inmoble e os seus anexos foron cedidos –en marzo de 2012- polo grupo Viacor Inmobiliaria ó Concello de Narón por un prazo de cinco anos. O goberno local acordou transferir á súa vez o uso do inmoble á Asociación de Veciños Altea, que se está a ocupar do seu adecentamento. A entidade veciñal xa realizou unha obra de mellora desta superficie, consistente no cambio dunha das portas laterais da finca. E unha vez rematados os traballos de desbroce realizados polo Concello, a AVV Altea ocuparase de limpar o interior, retirar os restos de cristais e apuntalar as fiestras, ademáis de instalar determinados puntos de luz. O Concello tamén ten previsto coa chegada da primavera, a prantación de novas especies arbóreas nesta finca.

A Casa Román é un inmoble de principios do século XX, de estilo ecléctico e cun interese tipolóxico recoñecido no patrimonio arquitectónico municipal. Está ubicado no número 903 da Estrada de Castela e conta cunha superficie total de 4.893 m2 entre a finca (con xardín, patio e horta), o edificio (de 142 m2 composto de dous alturas e baixo cuberta), e unha parcela anexa que os promotores teñen previsto urbanizar no futuro (PX2).

Antiga casa cuartel da Garda Civil

O barrio de Xuvia dotarase así dun novo espazo público, ó que no futuro se unirá tamén a antiga Casa Cuartel da Guardia Civil. O Ministerio de Interior ven de aceptar a oferta de compra deste inmoble realizada polo Concello, polo importe prantexado inicialmente dende o goberno municipal de Narón, taxado en 234.680,56€.

O Concello de Narón debatirá no Pleno Ordinario previsto para o 27/12/12 a adquisión deste inmoble, toda vez que o Ministerio do Interior xa aceptou as condicións para levar a cabo dita transmisión. O Concello abonará o prezo das instalacións do seguinte xeito:

-1º semestre do ano 2013: 58.670,14 euros (correspondente ó 25% do total).

-2º semestre do ano 2013: 75.000 euros.

-Ano 2014: 101.010,42 euros.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …