A concellería de cultura de Ferrol presenta a nova programación de “Domingos a Escena”

mascara teatroO concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Manuel-Reyes García Hurtado, informou este venres da nova edición do ciclo de teatro afeccionado Domingos a Escena, despois de que presentara a programación do mesmo na comisión informativa da área. Así, o titular de Cultura explicou que á convocatoria do ciclo para os meses de xaneiro e febreiro concorreron 16 grupos que presentaron 23 obras, das que foron seleccionadas seis, e dúas máis na condición de suplentes.

A selección feita pola Concellería de Cultura guiouse polos principios de calidade e variedade, abarcando os tres xéneros básicos do teatro: comedia, drama e traxedia. Contemplando así mesmo, as distintas idades ás que van dirixidos os espectáculos. As montaxes seleccionadas cubrirán a programación de Domingos a Escena dende o 13 de xaneiro ao 17 de febreiro, e son as seguintes:

– 13 de Xaneiro.- Grupo: Donas- Amistad (Ferrol)

Obra: “In memoriam de Agapito Salido”. Comedia escrita e dirixida polas compoñentes do grupo. O día do funeral do patriarca da familia descóbrense segredos sobre a súa múltiple vida afectiva. Dirixida a todos os públicos.

– 20 de Xaneiro.- Grupo: Carfax Teatro (Culleredo)

Obra: “Transilvania”. Drama en clave de teatro- danza. Unha viaxe ao encontro do conde Drácula. Para público adulto.

– 27 de Xaneiro.- Grupo: Gargallada Teatro (O Barco de Valdeorras)

Obra: “Cincenta, teatro on the rock”. Comedia musical. Unha versión moi divertida do coñecido conto de Perrault (1697) e dos Irmáns Grimm (1812). Para todos os públicos, especialmente o infantil.

 

– 3 de Febreiro.- Grupo: Atrezo Teatro (Vigo)

Obra: “O eloxio da loucura”. Drama. Quen somos? O que contan de nós ou o que nós coidamos?. A perda da identidade e a súa busca é o tema central desta montaxe de autoría propia dirxida ao público adulto.

– 10 de Febreiro.- Grupo: Compañía de Teatro El Ruiseñor. (Culleredo)

Obra: “Troyanas”. Traxedia. Versión do clásico de Eurípides. Como a guerra emprendida polos homes é sufrida polas mulleres e os nenos e nenas. Dirixida a público adulto.

– 17 de Febreiro.- Grupo: Teatro Ultreya (Ortigueira)

Obra: “La venganza de Don Mendo”. Comedia. Versión da obra de Muñoz Seca na que se parodia a época medieval e os seus enredos amorosos e políticos palaciegos.

 

Os grupos suplentes, que actuarían no caso de que os seleccionados non poideran facelo, son: Valacar de A Coruña , coa obra “O médico á forza”; e Axóuxere de Oleiros, coa obra Molotov”.

 

García Hurtado sinalou que con esta nova programación de Domingos a Escena “pretendemos satisfacer a un público cada vez máis amplo e númeroso que enche cada domingo o recinto do Centro Cívico de Caranza e que, ás veces e lamentablemente, queda sen poder ver a función por mor de terse completado o aforo”. As funcións son de entrada libre e gratuita, e dan comezo ás 19.00 horas.

 

Lea también

La escritora Paula Merlán inaugura el viernes en Ferrol la Feria del Libro

Ferrol inaugura el calendario de Ferias de Galicia este viernes 19 con el pregón de la …