BNG e PSdG piden comparecencias en Madrid e Santiago sobre o dique flotante

navantia-29A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou as comparecencias do Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, e do Presidente da SEPI, Ramón Aguirre, para que expliquen na Cámara a negativa a construir o dique flotante nos estaleiros públicos de Navantia en Ferrol.

Promesas do PP incumpridas

A deputada do BNG lembra que esta infraestructura “foi unha promesa do actual Presidente da Xunta na campaña eleitoral. Hoxe en día a cidadanía de Ferrolterra e os traballadores de Navantia se sinten enganados”. Rosana Pérez quer saber por que a SEPI tardou tanto en anunciar que non se fará o dique, “a que se debe o retraso no anuncio cando se excusa que a UE non o permite por consideralo ilegal. Sendo así, non tiñan que sabelo de antes?”.

Rosana Pérez insta ao Goberno a non abandoar este proxecto necesario “para os estaleiros públicos da Ría de Ferrol, necesario para a comarca, e para os traballadores”. “Non considera que paga a pena batallar por conseguir que o dique se realice? Vai o Goberno a dar por perdida a batalla? Está disposto a estudar o tema de xeito que se logre a súa construcción?”.

A parlamentar do BNG pide ao Executivo que se “insista e se estuden todas as posibilidades”. Alude na pregunta á xunta de onte de responsábeis de Navantia e da SEPI coa Comisión de Seguimento dos estudos para determinar a viabilidade técnica, xurídica e económica do dique flotante, na que comunicaron que a UE considera que construir esta infraestructura pode vulnerar a directiva comunitaria porque se podería considerar como axudas ilegais”.

Fan aeroportos que están valdeiros e non fan o dique flotante

Nese sentido, Rosana Pérez lembra que noutros países da UE existen diques flotantes. Amosa a preocupación do BNG pola situación dos estaleiros públicos galegos que está levando aos traballadores a facer contiuas movilizacións, concentracións e manifestacións. “Son moitos os postos de traballo que se destrúen cada semana debido á f alla de traballo”.

Rosana Pérez pón de manifesto que o dique flotante permitiría asegurar a viabilidade futura dos estaleiros, e permitiría que o centro de reparacións de Navantia puidese ofertar tamén a reparación e transformación de grandes buques. “O seu custe non é elevado se o comparamos con outras infraestructuras innecesarias, como a construcción de aeroportos que hoxe en día están valdeiros, e os seus beneficios serían enormes. Calcúlase que pode custar en torno a 170 millóns de euros”.

Comparecencia en Santiago

Pola súa parte adeputada socialista Beatriz Sestayo, vén de rexistrar no Parlamento Galego a comparecencia en pleno do conselleiro de Industria, Javier Guerra, para que dea explicacións sobre a “burla” á que someteron nestes meses a toda unha comarca e, ademais, dea conta das “responsabilidades que van asumir pola negativa dos gobernos do PP para construír o dique flotante nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol”.

Como destacou Sestayo, resulta “intolerable” a “vexación á que foron sometidos os traballadores e traballadoras por parte dos gobernos do Partido Popular, que onte viñeron a insultar na súa cara á comarca de Ferrolterra”. Pero para a tamén secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Ferrol, o acontecido onte coa “farsa” da comisión de seguimento do dique flotante non só ten como responsables aos directivos da SEPI, de Navantia, do Goberno do Estado e da Xunta, senón que tamén o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, ten un protagonismo especial nesta “estocada final ao naval”, ao ser o que “entregou as chaves da cidade ao enimigo”. “Rey rendiuse e non estivo á altura do que se lle pide ao máximo representante dunha cidade, polo que pedimos que dimita”, dixo a parlamentaria socialista.

Por outra banda, e despois das escandalosas afirmacións, “e propias da extrema dereita que nos goberna”, realizadas polo director xeral da SEPI, Francisco Ruiz Jiménez, que na reunión que mantivo coa propia Sestayo e a deputada no Congreso, a tamén socialista Paloma Rodríguez, a petición delas, chegou a dicir que a Sociedade de Participacións Industrias non investirá nin un euro máis en Navantia Ferrol porque xa gasta dabondo nas xubilacións e prexubilacións dos seus operarios, a parlamentaria preguntará por escrito a cánto ascende a partida que a Administración gasta en soldos da ducia de directivos da SEPI e da Navantia.

Veto do PP no parlamento galego

Por outra banda, a deputada Beatriz Sestayo mantivo hoxe unha xuntanza no grupo socialista con traballadores do naval despois de que a presidenta do Parlamento, a “popular” Pilar Rojo, vetase ao público dos grupos parlamentarios da oposición no interior desta Cámara Autonómica para asistir ao Pleno.

A deputada manifestou que “o Partido Popular poderá vetar cos seus rodillos” pero asegurou que non permitirá que os populares “veten o acceso á Casa do Pobo que é o Parlamento”.

A parlamentaria socialista destacou o que cualificou sen tapuxos como “estado policial en Navantia, con máis de 10 grilleiras da policía durante a xornada de onte” e o “estado de sitio no Parlamento” esta mesma mañá, coa negativa da súa presidenta a deixar pasar aos traballadores e traballadoras do naval ferrolán. “Isto é o que fai o Partido Popular para tratar de calar as bocas dos miles de cidadáns e cidadás aos que se lles está afogando ata a extenuación, pero non cabe rendición”, dixo Sestayo, que asegurou que “loitaremos pola democracia e ninguén impedirá que traballemos polo naval, polos traballadores e polo dique flotante”.

 

Lea también

La Cátedra Jorge Juan, promovida por la UDC y la Armada, conmemora su 30 aniversario en el Campus de Ferrol

El rector de la Universidad de A Coruña, Ricardo Cao Abad, preside, junto con el almirante …