A policía municipal de Ares realizou ao longo do 2012 un total de 1064 actuacións

policia localA Policía Local de Ares realizou ao longo de 2012 un total de 1.064 actuacións entre dilixencias penais e trámites administrativos, o que supón unha lixeira baixada con respecto ás do ano anterior, no que se levaron a cabo 1.178. Entre os datos aportados pola Policía Local a través do seu balance anual presentado ao grupo de goberno e abordado a pasada semana na comisión informativa correspondente, destacan o incremento xeneralizado en toda a comarca dos apartados relativos a danos, roubos e/ou furtos, que en Ares tamén produciuse, aínda que na maioría dos casos trátase de casos de pequeña consideración. Neste municipio, a cifra de denuncias pasou das 21 de 2011 ás 40 do pasado ano.

Pola contra, se houbo algún apartado no que houbo unha baixada foi nas denuncias de tráfico, xa que das 570 de 2011 pasouse ás 420 do ano 2012; é dicir, sobre un 26%.

Ademais, este ano introduciuse un novo apartado, o de requerimentos para a retirada de vehículos abandonados, un feito que pasou de non ser habitual a ter unha certa relavancia. De feito, este ano tramitáronse un total de dez denuncias, cuxo procedimento consiste, como acontece no caso das notificacións a propietarios de terreos con maleza, en enviar un requerimento para que nun prazo prudencial os titulares dos vehículos que presentan síntomas de abandono procedan a retiralos da vía pública.

O informe presentado recentemente pola Policía Local divide as actuacións de 2012 en dous apartados principais: as dilixencias penais e os informes e trámites administrativos. No primeiro bloque, atópanse os xa mencionados furtos/roubos, con 40 actuacións; os danos e actos vandálicos –que tamén subiron, pasando de 29 en 2011 a 39 en 2012-; agresións ás persoas, con 4 casos; denuncias por extravío/substracción de documentación, con 12 denuncias tramitadas; atestados instruidos por accidentes, con 35; atestados instruidos por faltas de respecto, con 8 denuncias –seis máis que en 2011-; e 16 denuncias doutra índole, como molestias de locais, identificación de persoas implicadas en actos supostamente delictivos ou os realizados coa finalidade de complementar outras dilixencias administrativas.

En canto ao bloque de informes e trámites administrativos, os axentes da Policía Local de Ares tramitaron durante o exercicio de 2012 un total de 62 informes urbanísticos; 160 informes de empadroamento –con 13 negativos-; 28 documentos para o Xulgado (relativos ao paradoiro de persoas, citacións para imputados ou testemuñas en procesos xudiciais); 420 denuncias de tráfico; 52 requerimentos enviados a propietarios de terreos con maleza e 10 para retirada de vehículos abandonados; e 178 informes doutras características (relativos a convivencias familiares, ocupacións de vía pública con motivo de obras ou reparacións, terrazas de locais de hostalería, sinalización viaria, etc.).

Ademais, a Policía Local, segundo consta neste balance, patrulla ao longo do día por diferentes lugares do termo municipal, regula o tráfico nas horas de entrada e saída do CPI e atende ao público nas dependencias policiais da rúa Real.

 

Lea también

A Agrupación Instrutiva de Caamouco (Ares) organiza «A Festa da Horta»

Pequenos e maiores teñen unha cita o domingo 21 de abril na Horta de Quinín. …