Tirando a dar. A necesaria presenza de «Tribuna para el diálogo»

Juan José Burgoajjburgoa@hotmail.com

Desde que entrado o século XVIII Ferrol foi nomeada capital do Departamento Marítimo do Norte, a cidade alternou períodos de crecemento e  de crises dentro da súa dedicación case exclusiva á construción naval, orixinando un certo monocultivo industrial co conseguinte desequilibrio do seu tecido social, económico e industrial, que mesmo afecta ás sinais de identidade e de autoestima da urbe. Hoxe en día Ferrol, cabeceira dunha ampla comarca, trata de reactivar unha serie de proxectos dependentes de diversas administracións que poderían significar un importante pulo para a súa recuperación.

Para este labor sería precisa a acción coordinada da administración, os axentes económicos e os sectores socioculturais, de xeito tal que traballando xuntos no eido da rexeneración social e económica, mesmo no campo do ocio e do turismo, impulsando as solucións e propoñendo novas alternativas. Ata de agora Ferrol non foi quen de crear ese ente, formado tanto por membros do sector público como das entidades privadas traballando xuntos nesta tarefa, ao contrario de exemplo seguido por outras cidades con problemas semellantes á nosa.

Neste intre unha asociación ferrolá, Tribuna para el Diálogo, está a levar a cabo un interesante labor a prol de dar a coñecer os principais problemas que presenta un desenvolvemento integral e sostible de Ferrol, dentro dunha visión a medio e longo prazo, considerando a interacción dos factores sociais, económicos, ambientais e culturais e facendo este labor co claro convencemento de que o futuro de Ferrol pasa en primeiro lugar pola revitalización do centro da cidade e os seus barrios, facendo que sexan habitables.

Ata de agora Tribuna para el Diálogo leva publicado cinco números (ademais do “número cero”) da súa revista, nos que se están a tratar, desde tribuna 5diferentes puntos de vista, temas como o saneamento da ría, as infraestruturas do porto exterior e a súa conexión por tren, a reactivación do sector naval, o dique flotante, as comunicacións ferroviarias, o urbanismo da cidade e o plan Urban, a xestión municipal, a unión de Concellos, a rehabilitación dos barrios históricos, a posta en valor do patrimonio cultural ou temas que atinxen á revitalización do comercio e o turismo. É de esperar que nos seus novos números Tribuna para el Diálogo continúe sendo un foro aberto de ideas onde se traten os problemas importantes que afectan ao desenvolvemento integral da cidade.

Non obstante hai que dicir claramente que tanto a prensa escrita de Ferrol, da Coruña e Santiago, a prensa dixital, así como o resto dos medios de comunicación (falo das emisoras de radio e o canal de TV local), todos eles na inopia como case sempre, non lle dan a merecente cobertura a esta revista. Coido que os devanditos medios de comunicación en ocasións se asemellan ás follas parroquiais editadas polas parvas editoriais  e asociacións culturais e veciñais de Ferrol, moitas veces máis preocupadas por estúpidos temas como o color vermello do futuro pavimento da praza da Desolación (antes de España), sen se decatar do meritorio traballo da única publicación ferrolá, feita por ferroláns, que se preocupa polos problemas que atinxen ao futuro da cidade de Ferrol.

Na miña opinión, cumpre sinalar tamén algunha das carencias e disfuncións de Tribuna para el Diálogo, nas que debe facer un esforzo para mellorar. Refírome especialmente ao que atinxe a súa relación con outras entidades e medios de comunicación e a súa presentación pública (mellor dito a súa non presentación), quizais tamén porque hoxe, todo hai que dicilo, moitos dos lugares que serían axeitados para iso cobran ata por respirar, e derivado do anterior, a irregular, e quizais tamén escasa, difusión dunha publicación merecente dun mellor coñecemento nesta Cidade Ensimesmada de Ferrol.

Lea también

Sabores ártabros-«Maneras de vivir»

José Perales Garat El 1 de julio de 1880 Jacobo de Mac Mahón y de …

2 comentarios

  1. joseignaciodapenafernandez

    Mi mas cordial felicitación por el artículo que publica galiciaartabra digital con elarticulo de abandono que sufre ferrol por parte de los ciudadanos y la administración escrito por JJ.Burgoa.Enhorabuena JUan.

  2. Puntualizando ó amigo Juan Burgoa: Hai unha Entidade, polo menos, que non cobra pola presentación de publicacións, que é o Ateneo Ferrolán, e xa dende hai algo mais dun mes desenvolve, con algúns atrancos, a súa actividade. Onte mesmo presentóuse, con cheo total no Salón de Actos, a estrea dunha orixinal e novedosa obra de teatro radiofónica «ilustrada», «Factoría Zombie», realizada integramente por artistas ferroláns. E antonte presentóuse tamén unha revista de deportes, adicada ao baloncesto ferrolán. Falamos.