A deputación convoca 9 certames culturais e repartirá preto de 115.000 euros en premios

diputacion-premios culturaO presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presentou en rolda de prensa o calendario cultural de premios para este ano. Así, confirmou que se convocarán un total de dez premios, nove deles dependentes da área de Cultura e un, o Rosalía de Castro de Lingua, de Normalización Lingüística. No apartado cultural repartiranse 114.500 euros entre os gañadores.

Durante o acto, Calvo estivo acompañado pola vicepresidenta Mariel Padín, tamén responsable do departamento de Cultura, e por José Antonio Ponte Far, biógrafo e especialista da obra de Gonzalo Torrente Ballester e membro do xurado do galardón provincial.

O motivo da presenza de Ponte Far nesta cita foi que este ano se cumpren as vodas de prata da creación por parte da Deputación do premio de narrativa decano da institución, un dos de maior participación e que no ano 2011 bateu todos os seus récords coa presentación de 611 obras de autores de 23 países. Por ese motivo, Calvo anunciou que “faremos algo especial, cun calendario de actividades paralelo á convocatoria, para celebralo”.

Outra das novidades deste ano é que o premio de Lingua Rosalía de Castro estrea dotación económica, 4.500 euros, para recoñecer a traxectoria dalgunha persoa ou institución en defensa do galego e das tradicións da terra.

Durante a presentación dos premios, Diego Calvo salientou que “son premios abertos a calquera persoa, sexa ou non sexa profesional, que contan cunha dotación económica suficiente para axudar a empezar un camiño profesional, que supoñen unha oportunidade moi importante para os autores pola proxección e difusión que teñen estes premios e, sobre todo, que tocan a meirande parte das disciplinas artísticas, desde narrativa hasta poesía, ensaio, artes escénicas, pintura, música, gravado ou banda deseñada”.

Pola súa banda, José Antonio Ponte Far lembrou como o propio Gonzalo Torrente Ballester lle pediu, no ano en que se creou o premio, que actuara como o seu representante no xurado. Posteriormente, tras a morte do escritor ferrolán, continuou representando a familia. “Son a única persoa que leva no xurado 24 anos, desde a súa primeira edición, e por iso podo dicir que o premio Torrente é un dos máis prestixiosos no ámbito nacional e que, ademais, é un premio limpo e moi rigoroso, froito dun grande traballo feito pola Deputación da Coruña e os seus traballadores”, asegurou Ponte Far.

Finalmente, fixo un percorrido polos premiados, dos que falou como “grandísimos autores que en moitas ocasións foron coñecidos a partir de gañar o Torrente” e tamén como “autores xa recoñecidos que quixeron optar ao Torrente precisamente polo seu carácter serio e rigoroso”.

Na rolda de prensa presentáronse tamén os carteis que darán publicidade a cada un dos premios.

Calendario de premios

Este ano convocaranse os seguintes premios:

  • VIII  Premio Jesús Núñez de   arte gráfica, dotado con 6.500 euros para a obra gañadora, ademais da organización dunha exposición no CIEC, unha exposición itinerante e unha bolsa   para a matrícula do máster do CIEC.
  • VIII  Premio Castelao de  banda deseñada, dotado con 6.500 euros, a edición da obra premiada e a  posta en marcha dunha exposición itinerante polos concellos da provincia.
  • X   Premio Andrés Gaos de  composición musical, tamén dotado con 6.500 euros e a estrea da obra gañadora.
  • XVI   Premio Rafael Dieste de teatro, coa mesma dotación económica e tamén coa publicación e a estrea da obra gañadora.
  • V Concurso de Rock Deputación da Coruña, no que se premian os cinco primeiros  clasificados, que logo participan nun concerto que tamén organiza a Deputación.
  • IX Premio de Ensaio Manuel Murguía, que premia as obras centradas nalgún feito histórico referido a Galicia. O premio é de 6.500 euros e a edición da obra gañadora.
  • IX  Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil en galego, co mesmo premio ca o anterior.
  • XIII Certame Isaac Díaz Pardo de artes plásticas, que implica a compra por parte da Deputación da obra gañadora, por un importe máximo de 45.000 euros. Tamén conta con exposición colectiva itinerante.
  • IV  Premio Rosalía de Castro, este ano por primeira vez cunha dotación económica de 4.500 euros.
  • XXV Premio Torrente Ballester de narrativa, dotado con 25.000 euros e edición da obra.

 

 

Lea también

Neda, se convierte en epicentro cultural de Ferrolterra

La Casa de las Palmeras ha acogido la inauguración de la XIX edición de las …