A delegada da Xunta analiza co alcalde de Cabanas o arranxo dunha estrada danada polo temporal

belen do campo-alcalde cabanasA delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo este luns un encontro de traballo co alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, na que analizaron os proxectos que a Xunta está a desenvolver no concello e as necesidades actuais. Entre estes asuntos, abordaron o arranxo da estrada que dá servizo ao lugar de Traseiras, na parroquia de Irís, que resultou danada polos últimos temporais de choiva.

No encontro, o rexedor trasladoulle a Do Campo a proposta para mellorar a estrada coa reconstrución de parte do muro de contención localizado na marxe próxima ao río, así como co ensanchamento e reposición do firme nun treito de 200 metros. Segundo apuntou o primeiro edil, esta actuación serviría para incrementar a seguridade dos condutores neste tramo, que resulta moi transitado.

Neste senso, a responsable do Executivo galego na provincia comprometeuse a estudar a proposta do representante local e a trasladala ao departamento autonómico correspondente para a súa atención. Así, Do Campo ofreceulle a Castrillón toda a colaboración e diálogo do Goberno autonómico para atopar de xeito coordinado a mellor solución.

A delegada territorial recordou que a Xunta ten como prioridade seguir cumprindo os obxectivos marcados para a mellora da rede viaria en colaboración cos concellos, de forma que redunde no incremento da seguridade nesta vía en particular e mellore as condicións de desprazamento da poboación, co obxectivo de favorecer un desenvolvemento económico e social que proporcione unha maior calidade de vida aos veciños e veciñas do entorno.

Plan de Transporte Metropolitano

Na mesma liña, Do Campo e o alcalde aproveitaron o encontro para comprobar o funcionamento do Plan de Transporte Metropolitano na área de Ferrol, da que Cabanas forma parte. Ambos representantes da administración galega e municipal expresaron a súa satisfacción polo boa marcha do servizo, que contribúe á mellora da mobilidade dos cidadáns entre as diferentes localidades.

No seu interese por seguir incrementando a calidade do plan, Castrillón aproveitou para trasladarlle unha proposta que beneficiaría aos estudantes universitarios do entorno, co fin de que poidan adherirse coa mesma tarxeta de transporte metropolitano ás áreas de Ferrol e da Coruña, algo que Do Campo levará nos vindeiros días ante a Dirección Xeral de Mobilidade para o seu estudo.

Actualmente, a área da Coruña está integrada por trece municipios: A Coruña, A Laracha, Arteixo, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cerceda, Culleredo, Oleiros, Oza dos Ríos e Sada; e a de Ferrol, por dez: Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda, Pontedeume e Valdoviño.

O obxectivo fundamental do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia é mellorar a competitividade do sistema de transporte público colectivo, nunha clara aposta polo fomento da mobilidade sostible. O plan que desenvolve a Xunta de Galicia é posible grazas á colaboración dos concellos, que teñen unha intervención activa tanto no seu financiamento, como na definición de novos servizos, por exemplo.

 

 

 

Lea también

Campamentos deportivos de conciliación en Valdoviño

El Ayuntamiento de Valdoviño abre la inscripción para los campamentos deportivos de conciliación Xoga no …