Tirando a dar/ Procesión do Cristo dos Navegantes de Ferrol

Juan José Burgoajjburgoa@hotmail.com

Na costa atlántica europea abondan as lendas de santos chegados polo mar. Moitos lugares da costa galega conservan a memoria histórica de lendas da arribada a terra de diversos santos, incluíndo a Virxe María, en naves logo transformadas en rochas míticas, os chamados “barcos de pedra”. Cumpre lembrar ao Apóstolo Santiago en Iria Flavia, a Virxe da Barca en Muxía, San Andrés nos cantís de Teixido, San Amaro na foz do río das Pedras e San Adrián na costa de Vilaboa.

Xunto a estas lendas cumpre engadir as tradicións das imaxes das igrexas católicas, botadas ao mar nas Illas Británicas durante a Reforma, sexa polos propios católicos agachándoas nunha arca ou caixón, ou ben polos propios luteranos na súa radical iconoclastia, sendo logo atopadas no mar aberto por mariños españois. Tamén hai casos de chegada de imaxes en barco á España, adquiridas por comerciantes ou por mor da xestións diplomáticas.

Ao anterior súmase a crenza popular en Galicia dos buques freados na súa saída de porto, amosando dese xeito a imaxe de Cristo levada no navío o seu desexo de non se facer á mar, ata que eran desembarcados ou botados pola borda. Son así moitos os Cristos galegos presuntamente chegados pola mar, adobiando os altares das igrexas galegas onde ostentan o padroado dos mareantes e son obxecto da devoción popular.

Entre os máis coñecidos destes Cristos están o Santo Cristo de Fisterra, en Santa María das Areas; o Santo Cristo de Ourense, na catedral de San Martiño; o Cristo da Agonía, en San Pedro de Muros; o Cristo da Victoria, na colexiata de Santa María de Vigo; o Cristo do Consolo, na colexiata de Santiago de Cangas; e o Cristo das Augas en Santa María da Guarda. Preto de Ferrol, na igrexa de Santa María de Neda, atópase o Cristo da Cadea, que, xunto coa imaxe da Virxe da Catedral de Mondoñedo coñecida como Nosa Señora a Inglesa, foi adquirida por Alonso Ares de Mourelle, rector da igrexa de Santa María, ao mariño inglés John Dutton, mediado o século XVI.

(Cristo dos Navegantes. Imaxe do século XVII)
(Cristo dos Navegantes. Imaxe do século XVII)

O Cristo dos Navegantes de Ferrol Vello

Unha imaxe de gran devoción entre as xentes do mar de Ferrol é o Cristo dos Navegantes, que se atopa na igrexa de Nosa Señora do Socorro, no barrio mariñeiro de Ferrol Vello. Segundo unha lenda pouco contrastada chegou polo mar o século XVII, dentro dun navío de transporte do sal que arribou maltreito ao porto de Ferrol por mor dunha galerna. Coa mellora do tempo decidiu saír de novo ao mar, mais cada vez que se achegaba á bocana da ría desatábase de novo o vento. Retirada a

carga, descubriuse a presenza dunha imaxe de Cristo agachada na salmoira das adegas. Interpretando deste xeito o desexo do Cristo de se quedaren na vila, depositouse a imaxe na vella igrexa parroquial.

Trátase dunha obra de reputada antigüidade, procedente da antiga igrexa parroquial de San Xulián, onde se atopaba nunha capela situada aos pés do templo, sendo unha das poucas imaxes que se conserva da vella igrexa. Cando se levantou a igrexa de Nosa Señora do Socorro, a talla de Cristo foi colocada no altar lateral dereito do presbiterio. Trátase dunha obra anónima datada o século XVII, unha imaxe de boas proporcións e marcada anatomía, de certa expresividade dentro da súa rusticidade e coas características da arte barroca popular. Sobre unha cruz sen adobíos, case en forma de tau, vai o Cristo de tres cravos, sufrinte e representado como morto, más entreabertas, testa coroada de espiñas, e pano de pureza de abondosos pregos atado á dereita.

(Cristo dos Navegantes. Imaxe procesional)
(Cristo dos Navegantes. Imaxe procesional)

Non obstante, a imaxe que hoxe sae na procesión de Ferrol Vello é unha talla feita en Santiago o ano 1949 polo escultor Enrique Carballido, que foi encargada a causa do deterioro que se estaba a producir na escultura orixinal. A nova imaxe presenta un Crucificado de tres cravos, más abertas e a testa coroada de espiñas, semellando máis estar apoiado que pendurado da cruz. Dentro do seu primitivismo e buscado patetismo, amosa certo parecido formal, incluso na vestimenta, coa talla do Santo Cristo de Fisterrra.

O Cristo dos Navegantes constitúe unha referencia histórica para o barrio mariñeiro de Ferrol Vello, sendo unha das súas sinais de identidade. Na tarde de Mércores Santo percorre as rúas do barrio nun paso adobiado simbolicamente de rosas vermellas e caraveis amarelos, acompañado do fervor popular dos veciños e coa presenza formal de representantes das catro mariñas: armada, mercante, pesqueira e deportiva. A procesión, que transcorre a cara descuberta, pasou por diversas e discutidas alternativas na súa organización ao longo da súa historia, aínda que na miña opinión sexa a manifestación relixiosa máis sinxela e sentida dentro da multiforme e evolucionada Semana Santa de Ferrol, reflectindo ademais a tradición do máis antigo barrio da cidade.

As revistas de Semana Santa

Un último apunte en lembranza das revistas da Semana Santa ferrolá. Fai algúns anos estas publicacións, sempre cunha gran calidade e unha magnífica presentación estética, ademais de informar sobre os actos relixiosos celebrados polas diferentes Confrarías, serviron para a difusión de interesantes estudos históricos relativos á Semana Santa ferrolá e á propia cidade de Ferrol. Cecais por mor da crise, fai pouco tempo desapareceu a máis prestixiosa destas publicacións, Arimathea, mentres que outras revistas como son os casos de Ecce Homo, sempre de carácter máis “oficialista”, e Cofradía de Dolores evolucionaron cara a súa conversión nun distinguido procesionario.

Hoxe a cousa non dá para máis; noutra ocasión habería que falar desa curiosa publicación  que leva o rechamante título de El Martillo. Diario de los Cofrades, que o mesmo se pode ver  na barra dun bar de “tazas” que no local dunha asociación cultural.

 

 

Lea también

Aguas Atlánticas

Julia Mª Dopico Vale “Atlantic Waters” es el título del nuevo disco que acaba de …

Un comentario

  1. joseignaciodapenafernandez

    Como siempre eres magistral escribiendo sobre Ferrol y su entorno.He observado que desde algunos años el Cristo de los Navegante o así lo veo yo no procesiona, ni tampoco es acompañdo por los miliares como er antaño.Repito JJ. genial tú artículo. José Ignacio Dapena Fernández.