«Escrache contra o bache» do BNG de Ares

ares-bng-20O BNG de Ares desenvolveu na mañá desde sábado, día 20, a primeira acción reivindicativa para denunciar o deterioro da rede viaria municipal e para solicitar que o concello concrete un investimento específico para atender o mantemento e reparación das rúas e camiños de propiedade municipal.

O portavoz nacionalista, Emilio Mesías, lembrou que “desde hai varios anos, a nosa organización está a reivindicar a necesidade dun plan de reparación e mantemento das vías municipais, que garanta o normal servizo e seguridade viaria para peóns e vehículos; hai que manter a rede viaria, cando menos, en concordancia cos impostos que pagamos”.

Mesías mostrouse especialmente crítico co goberno municipal, afirmando que “neste ano prodúcese un abusivo incremento, nada máis e nada menos que do 45%, no imposto de circulación –suba que o BNG criticou xa o pasado ano cando se aprobou o “plan de axuste”- mentres que os investimentos nos viais municipais van a menos ….”; lembrando o impacto negativo que estas medidas impositivas ten “nunha situación de penuria económica para moita xente, que o goberno municipal agudiza cunha política impositiva agresiva”.

Emilio Mesías, acompañado de perto de dúas ducias de militantes e simpatizantes do BNG de Ares, percorreu as diversas rúas nas que se instalaron os cartaces de denuncia e nos que se pide do goberno municipal a posta en marcha dun plan específico de actuación en materia de reparación e mantemento dos viais municipais, para o que o BNG rexistrará en próximas datas unha moción dirixida ao pleno na que se demanda o incremento dos investimentos municipais para acometer estas obras á maior urxencia.

 

 

 

 

 

Lea también

As Pontes apoia a posta en marcha do proxecto enerxético de Endesa en O Tesouro

O tecido empresarial, económico e sindical das Pontes apoia a posta en marcha do PE …