O prazo para participar no concurso de relatos curtos «Concello de Ares» remata o vindeiro martes día 30

relatos cortosO prazo para presentar as obras para o concurso de relatos curtos que organiza a Concellaría de Cultura, dirixido a nenos e nenas matriculados en 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, remata o vindeiro martes día 30. Esta iniciativa, enmárcase dentro dos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas e, polo tanto, deberán presentarse escritos nesa lingua. Os orixinais entregaranse na biblioteca municipal de Ares, ubicada no número 11 da rúa María (edificio da Alianza Aresana), en horario de 10.00 a 13.30 e de 16.30 a 20.00 horas.

Segundo consta nas bases, o tema é libre e cada autor/a poderá presentarse cunha única obra, establecendo a obrigatoriedade de que os ontos sexan inéditos e non teñan sido premiados anteriormente en ningún outro certame.

As narracións deberán ter unha extensión máxima de oito folios, escritos a ordenador, a dobre espazo e por unha única cara, con letra Arial 12. Ademais, incluirán unha portada relacionada coa temática do conto en cuestión.

Por outra banda, as bases establecen que os relatos poderán presentarse asinados con lema ou con seudónimo, que deberá figurar xunto co título da obra nun sobre pechado. No interior do sobre tamén deberán constar a identidade do autor ou autora, o seu teléfono, enderezo actual, correo electrónico (se o tivese) e fotocopia do DNI.

En canto ao acto de entrega de premios, terá lugar un día antes da celebración das Letras Galegas, isto é o 16 de maio, no salón de actos da biblioteca municipal, ás sete da tarde.

A este respecto, haberá un primeiro premio consistente nun E-book e dous finalistas, que recibirán sendos mp4. Todos os rapaces que tomen parte neste certame recibirán un diploma acreditativo e, ademais, os relatos gañadores serán publicados na páxina web do Concello.

 

 

 

Lea también

Un jurado declara no culpable a la mujer acusada de matar a su marido en Monfero

El Tribunal del Jurado ha considerado a la acusada de matar a su marido en …