O Patrimonio industrial desaparecido en Ferrol

jjburgoa@hotmail.com.  (TIRANDO A DAR)Juan José Burgoa

A cidade de Ferrol iniciou a súa industrialización na segunda metade do século XVIII, co gallo da Ilustración e da política naval do estado Borbónico. No ano 1726 creáronse os Estaleiros Navais da Graña, que foron trasladados á enseada de Esteiro a partires do ano 1750. Nese intre o complexo industrial dedicado á construción naval deu un forte pulo a outras actividades produtivas auxiliares como as tenerías e curtidoiros, as fábricas de lona e enxarcia, os muíños de fariña e os centros de fundición e metalurxia, tanto na na propia cidade como na comarca circundante.

Este proceso de industrialización continuou durante os séculos XIX e XX, coa evolución histórica da Constructora Naval, logo Bazán e despois Navantia, adaptada as novas e emerxentes tecnoloxías, a actividade dos estaleiros da Graña no mesmo século XIX, e a posterior creación doutra importante industria naval na ría, a factoría de Astano. A década dos anos 1940 orixinou un importante despegue económico da zona ata que na década dos 1980 comezou un novo declive industrial, todo iso no contexto dunha incidencia case total do sector naval sobre a economía da cidade.

burgoa-1Práctica desaparición

A pesares desta histórica dependencia do Estado e dentro deste monocultivo industrial formouse un certo tecido industrial por mor da creación de novas empresas, unhas relacionadas coa industria naval e outras independentes da mesma, pero todas elas de forte arraigo na cidade ou na bisbarra ata a súa práctica desaparición, casos da Pysbe, Fenya, Peninsular Maderera, Megasa, Imenosa, Vaycora, Indunor, a cerámica Santa Rita, ou as fábricas de Pan Piana, xabróns Beceiro e de lapis Hispania, nun proceso que, non obstante, non logrou a consolidación dunha estrutura diversificada da industria, fora da creación dunha trama de industrias auxiliares moitas veces dependentes do traballo nos estaleiros.

Moitas destas instalacións fabrís, que deron traballo a moitas familias ferrolás e que permanecen na memoria histórica da cidade, desapareceron co paso do tempo. Estas construcións, que formaron parte da paisaxe industrial da urbe e da comarca, hoxe soamente son unha lembranza para os veciños. Nas fotografías pódense ver as instalacións e edificios da PYSBE, Peninsular Maderera, FENYA e Fábrica Hispania. Precisamente un caso paradigmático foi o recente derrubo do edificio da fábrica de lapis Hispania na rúa Baterías do barrio de Ferrol Vello, onde ocupaba desde o ano 1940 unha superficie de 5.000 metros cadrados e daba traballo a máis de 400 empregados nas súas instalacións.

 burgoa-2Un fermoso edificio

O fermoso edificio de formas racionalistas e rascos de Art Déco estivo durante varios anos en estado de abandono, pendente da construción dun grupo de vivendas no seu solar. A persoa que isto escribe xa o ano 2002 solicitou na revista Atenea  conservación da súa elegante fachada frontal da rúa Espartero e da lanzal cheminea, auténtico faro de referencia de Ferrol Vello, como se fixo noutras urbes máis celosas do seu patrimonio que a Cidade Ensimesmada (tamén chamada Ferrol). Non foi así, e cando a cousa xa non tiña remedio (fai poucos meses), o edificio estaba irremisiblemente condenado a morte e a picaraña comezaba o seu traballo de demolición do inmoble, a touro pasado emerxeron os chamados defensores de sempre do patrimonio industrial (ata entón agochados), xusto tamén cando, noutra nova mostra de incoherencia, o Concello ferrolán estaba a potenciar o turismo industrial na última Feira do Turismo en Madrid.

A  Escola Obreira

Noutro orde de cousas, sen estar directamente relacionado co Patrimonio Industrial mais sendo unha referencia na cultura do burgoa-3traballo, cumpre lembrar tamén a desaparición da Escola Obreira que se levantaba no interior do recinto da entón Sociedad Española de Construcción Naval e despois Empresa Nacional Bazán. Tratábase dun fermoso edificio de estilo modernista que serviu de escola aos fillos dos traballadores da empresa en dúas etapas diferenciadas: na República,entre os anos 1916 e 1936, e no franquismo, entre os anos 1942 e 1976. Con posterioridade a esta última data o edificio sufriu os efectos da picaraña, sendo neste caso unha empresa estatal a causante do seu derrubo.

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …

Un comentario

  1. joseignaciodapenafernandez

    Muy buen artículo, perfecta lectura.José Ignacio Dapena Fernández. Presidente de Narart (Asociación Narón Amigos del Arte.
    Tambien quiero añadir que el próximo viernes 7 de junio, habrá una gala benèfica para recuadar fondos para la Asociacion ALMAT, para que su proyecto de ayudar a las mujeres por mal trato por violencia género, pueda exigir con más firmeza que se cumplan las leyes a la Administración, El acto comenzará a las 8 de la tarde en el Local de la Asociación de Vecinos de la Gándara en Narón, estaremos acompañdos por la Rondalla Añoranzas y el grupo Los Tres Solitarios, habrá rifas de diversos libros donados por la Diputación de La Coruña y por el Concello de Narón, se subastarán cuadros de Barcón, Corin , Francisco Pérez etc.esperamos la máxima audiencia.