A policía autonómica completarase o vindeiro mes con 500 axentes

feijoo-academiaO presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe, venres, día 7, que, coa incorporación o vindeiro mes de 50 novos axentes, a Policía Autonómica completará o seu cadro de persoal que, por primeira vez na súa historia,  roldará os 500 axentes comprometidos pola Xunta. O mandatario galego destacou que este corpo policial ten incrementado o seu plantel “ata niveis históricos”, posto que só o pasado ano sumou case 100 novos efectivos, aos que se unirán proximamente estas novas incorporacións.

Logramos, por fin, e a pesares de todas as circunstancias nas que vivimos, que por primeira vez en 30 anos de Autonomía estea plenamente completa a dotación da Policía Autonómica”, subliñou Feijóo, e engadiu que “sen dúbida, imos reforzar os nosos compromisos constitucionais e os nosos compromisos na defensa do autogoberno de Galicia”.

O mandatario galego, que presidiu o acto de entrega de diplomas e condecoracións da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), e da Medalla ao Mérito Policial da Policía Local, recoñeceu que esta nova promoción de axentes reforzará o corpo policial autonómico para facer máis efectiva a súa tarefa na loita contra os incendiarios, o furtivismo, na atención aos menores e, desde agora, contra a violencia de xénero.

A AGASP, unha peza fundamental no mapa das emerxencias de Galicia Feijóo destacou que a AGASP é “unha peza fundamental” e “un axente máis” na entente que conforman Xunta, deputacións e concellos para facer de Galicia “un territorio máis protexido e con maior capacidade de resposta” ante calquera situación de emerxencia que lle poida afectar. Apuntou, así, que será precisamente nesta academia onde se formarán os novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), que se acaban de crear “co consenso de todos” e que este verán xa estarán operativos.

Ao respecto, Feijóo quixo poñer en valor “a alineación dos concellos galegos en favor da colaboración e da xestión conxunta dos seus servizos porque desta vez, -puntualizou-, alcanza o ámbito máis próximo á cidadanía que é a seguridade pública”.

O presidente da Xunta destacou o traballo que realiza a AGASP na formación de futuros policías e do persoal de emerxencias, e precisou que este ano o seu plan de actividades incrementa nun 54 por cento as horas lectivas dos cursos dirixidos ao persoal de Protección Civil e de emerxencias de Galicia, para os que ofertará, dixo, máis de 150 cursos con preto de 4.000 prazas. Grazas ao labor docente desta academia, dixo, “Galicia non só se protexe, senón que dispón os protocolos para a prevención”.

Incidir na prevención Feijóo remarcou que a Xunta de Galicia tamén traballa nesta dirección e que, por iso, acaba de poñer en marcha o Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG) para a campaña de 2013, anticipándose ao inicio da época de maio risco de incendios, e para coordinar as actuacións co Goberno central. Nesta liña, sinalou, que xa está aprobado o Pladiga 2013, que determina o operativo contra os lumes no que tamén colaborarán os novos GES. E, ademais, asegurou que a Xunta ten incrementado os parques comarcais de bombeiros, e que “segue a reforzar” o 112, cuxa nova sede se situará na Estrada. Un edificio, engadiu, que “converterá esta localidade na capital da xestión das emerxencias de toda Galicia”.

O titular da Xunta celebrou que “hoxe podemos dicir que dispoñemos dunha rede de seguridade galega conformada por 9.000 persoas, entre a Policía Local, a Policía Nacional Adscrita á Comunidade Autónoma, os bombeiros e os responsables de emerxencias”. Trátase, subliñou, de 9.000 persoas ás que se suman o 8.000 efectivos máis do Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil, o que supón, engadiu que “temos confiada a seguridade de Galicia en 17.000 profesionais que traballan todos os días por facer da nosa Comunidade un territorio máis seguro onde os dereitos constitucionais e estatutarios se exerzan e onde se garantan as liberdades, e un territorio, en definitiva, máis democrático, máis seguro e máis libre”

O presidente galego asegurou que Galicia conta actualmente cunha rede de seguridade “máis extensa”, que se articula dun xeito “máis coordinado” e que “ofrecerá mellor cobertura do territorio porque disporá os medios precisos no tempo xusto”. Unha malla, engadiu, que conectará as 25 localidades que albergarán as sedes do novos GES; os 25 parques comarcais de bombeiros cos que contará Galicia, unha vez que entre en funcionamento o do Carballiño; os 7 parques de bombeiros das grandes cidades; e os 3 servizos municipais de bombeiros de Ponteareas, Sanxenxo e Celanova; ademais de contar co apoio das outras forzas de seguridade.

Feijóo concluíu a súa intervención resaltando o exemplo, a lealdade, a vocación e a entrega dos axentes que hoxe recolleron os seus diplomas e condecorcacións. Galicia, dixo, “precisa de todos vós para ser un lugar seguro”. “En todos os que formades parte da historia desta academia, Galicia ten un compromiso de protección e un garante da convivencia”, concluíu.

 

 

 

 

Lea también

La Facultad de Fisioterapia de la UDC acoge una jornada internacional sobre la pediatría

El Grupo de Neurociencia y Control Motor (NEUROcom), el Departamento de Fisioterapia, Medicina y Ciencias …