O concello entrega á Xunta Veciñal de Doniños dous primeiros exemplares editados da obra de Gumersindo Díaz García

martina aneiros barrosA concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, entregou na mañá deste luns, día 23, á Xunta Veciñal de Doniños a reedición  dos exemplares de O lago de dous nenos e de Historia de Doniños, de Gumersindo Díaz García.

O Concello de Ferrol asinou un convenio coa entidade veciñal, o pasado 10 de decembro de 2012, para facerse cargo do legado de manuscritos do poeta e novelista ferrolán. Este acordo daba resposta á demanda dos veciños de Doniños para a boa conservación dos exemplares que Gumersindo Díaz lles cedeu.

Actualmente, os exemplares orixinais destas dúas obras atópanse nunhas caixas de conservación na Biblioteca Municipal. A edición dalgunhas das obras do poeta ferrolán, que forman parte do patrimonio cultural da cidade, facilitará a súa difusión e consulta tanto nas dependencias municipais como na biblioteca da entidade veciñal.

Gumersindo Díaz García

Poeta e novelistas, naceu en Doniños o 25 de setembro de 1893.

Estudou na escola da Graña e tras asistir á escola de Artes e Oficios en Ferrol foi operario do Arsenal. Máis tarde gañou unha praza de funcionario no Concello ferrolano.

Despois da Guerra Civil foi expulsado do Concello e detido e tras saír do cárcere traballa en Vigo nunha fábrica.

Colaborou durante a República en diferente periódicos e dirixiu «A Liberdade» de Serantes.

Foi membro da Academia Hispano Cenith de Costa Rica e do Instituto Hispano-Americano de Arxentina.

En 1944 publica grazas á axuda económica do seu xefe e compañeiros o seu libro «O xardín dos romances» que se vende case na súa totalidade en Hispanoamérica e co que adquire certa celebridade.

Escribe ao longo da súa vida un total de 43 libros en linguas galega e castelá, de novela, teatro e poesía.Entre os exemplares que serán reeditados atópanse a comedia en tres actos “A Caloña entre loureiros” e “Avelaíñas de outono”.

Foi galardoado en numerosos certames poéticos e xogos florais de Galicia e América.

En 1953 foi nomeado membro non numerario da Real Academia Galega.

Morreu en Ferrol en 1978 e dende 1993 a biblioteca da xunta veciñal de Doniños leva o seu nome.

 

 

 

Lea también

Ares entrega os premios do IV Concurso de Escritura Creativa de Microrrelatos Escolares

Concello de Ares e CPI As Mirandas entregaron esta semana os premios do IV Concurso …