Feiras, festas e outras leiras

Juan José Burgoajjburgoa@hotmail.com– TIRANDO A DAR

As feiras e mercados tradicionais tiveron de sempre grande importancia en Galicia como lugar de encontro dos veciños e de troque dos produtos do campo, cumprindo aínda hoxe un importante papel comercial no mundo rural. Deste xeito tamén a produción artesanal popular (madeira, coiro, metal, cerámica) atopa nelas o seu canal de venta, o mesmo que aqueles produtos do agro non habituais nas estultas superficies comerciais.

Son moi coñecidas as feiras de Santos en Monterroso, de Pascuas en Padrón, San Lucas en Mondoñedo, San Froilán en Lugo, as periódicas de Betanzos, Tui, O Carballiño e Arzúa, e as de gando espalladas por Galicia, caso da de Salgueiriños en Santiago. Algunhas delas son consideradas Festas de Interese Turístico, mentres que en todas se montan os típicos toldos e casetas de polbo e churrasco, onde xunto a unha cunca do viño do Ribeiro se fan os acordos e os trasacordos e se pechan moitos tratos comerciais.

Nos últimos tempos púxose de moda en moitos concellos de Galicia a celebración no verán de feiras medievais, ben por ter un casco histórico de época nun relativo bo estado de conservación, ben polo feito de lembrar algunha conmemoración histórica. Entre as máis coñecidas temos a Festa da Istoria de Ribadavia, as Feiras Francas da Coruña e Pontevedra e os mercados medievais de Santiago, Betanzos, Baiona, Verín, Noia e Maceda, entre outras que tratan de revivir deste xeito o seu pasado medieval.

Mentres tanto en Ferrol, os responsables de Cultura, Festas e Turismo do Concello seguen coa mesma teima de sempre, persistindo nos erros das anteriores corporacións, chantando nestas datas unha murcha Feira Medieval no lugar máis estragado da cidade neste intre, Ferrol Vello. Agora que a nefasta Autoridade Portuaria anterior deixou o seu posto, o seu relevo podería ter un chisco de sentido común e formular un aproveitamento integral da fachada marítima para facer unha seria e axeitada Feira Marítima que abrira aos cidadáns e puxera en valor o peirao ferrolán, iso que os ferroláns chamamos “el muelle”.

Veño de facer unha viaxe pola chamada Europa imperial, fundamentalmente a señorial Budapest, a pacega Viena e a medieval, modernista e tamén máis fermosa, Praga. En todas partes hoxe pódese ver como as cidades e vilas poñen en valor as propias sinais de identidade. Neste aspecto Ferrol ten que volver a lembrar as súas sinais de Cidade Ilustrada, deixarse de lerias e levar a cabo unha Feira ou Mercado da Ilustración no barrio da Magdalena.

Esa Feira da Ilustración, aproveitando esas presuntas e previstas Festas de Ferrol, que non está claro quen as organiza e non sabemos de que van, podería ser complementada pola celebración doutra das sinais propias de Ferrol, a lembranza da Batalla de Brión, algún concerto de Música da Ilustración ou algunha representación de teatro de época que servira para por en valor o Castelo de San Felipe. Coido que Ferrol puidérase mirar no espello das Festas da Coruña, organizando una Semana Grande de Festas arredor da tradicional data do Día de Amboage.

 

 

 

 

Lea también

La Real Filharmonía con García-Picos

Julia M.a Dopico Vale Enmarcado dentro de las Xornadas de Música Contemporánea 2022, cuyo objetivo …