Facendo amigos

Miguel AlonsoMiguel Alonso

Hai países, máis ou menos «democráticos» e logo está España. O de «democráticos» póñoo con todas as dúbidas, mais polo menos é evidente que é o que son para os parámetros de Occidente. Digo isto a raíz das manifestacións e expresións pseudofascistas de certos membros do Partido Popular, fotografándose con bandeiras preconstitucionais, imaxes de Franco ou facendo o saúdo hitleriano. Non serán endexamais expulsados do partido (por máis que algúns dirixentes se manifesten en contra) e seguirán aí facendo carreira política, sacando o peito e falando nos seus discursos do grandes demócratas que son. Que lles imos dicir se o aprenderon todo do patriarca Manuel Fraga, experto nesas lides de fuxir polas rendixas da xustiza e pasar á historia cunha carauta moi distinta á súa verdadeira face.

Comparo España con outros países porque iso, por exemplo, sería impensábel na Alemaña, onde existe unha prohibición absoluta de facer apoloxía do nazismo.Mais aquí, a censura e a represión policial só serven para un dos bandos. Falemos por exemplo de Resistencia Galega, o suposto grupo «terrorista» que ameaza as súas vilas e cidades, segundo a xustiza española. A eses encausados (ignoro se culpábeis talvez de queimar algún caixeiro) caéronlles unhas penas de entre 10 e 18 anos. Collamos agora o exemplo dos fascistas (e orgullosos de selo) que interromperon a celebración da Diada en Madrid. Polo momento xa están na rúa, a pesar de gasear con gas pementa aos participantes do acto e deixar varios feridos. Facemos unha aposta? Caeranlles 18 anos? quedarán libres? Por certo, entre eles está, coido, o cuñado dun ministro. Adiviñen vostedes de cal que candidatos teñen de sobra.

A supostamente moi democrática Lei de Partidos (ironía mode on) deixa claro que hai que ilegalizar as organizacións que utilicen a violencia con fins políticos. Ilegalizará alguén a esta panda? Dirá algo dos membros do PP apoloxistas do franquismo? Fagan a súa aposta, non sexan tímidos, ho!

 

 

Lea también

Las cuentas del concello

Enrique Barrera Beitia El pasado lunes el pleno municipal ferrolano aprobó el presupuesto para 2024. …